Os servizos do ecosistema son aqueles beneficios que a natureza aporta á sociedade. Uns destes servizos son os denominados de abastecemento, e dentro destes está, entre outros, a produción madeireira. Neste senso, na Comunidade de Montes de Vincios búscase a diversificación da produción para obter un retorno graduado do monte e ao mesmo tempo abastecer as diferentes demandas que ten o mercado. Dende o lume do ano 2017 incorporáronse ao monte especies madeirables de calidade como a Sequoia. Neste momento a Comunidade conta con plantacións ou rexenerado natural de Eucalipto(E. globulus), Piñeiro (P. pinaster), Castiñeiro (Castanea x hybrida) e Sequoia ( Sequoia Sempervirens), con quendas de corta que van dende os 16 anos ata os 80-100. É probable, tendo en conta a ubicación e características dalgunhas destas plantacións, que nunca sexan cortadas dada a súa importancia no ecosistema no futuro, pero iso decidirano as vindeiras xeracións de comuneiros e comuneiras.