Un factor clave para entender a identidade da parroquia é o papel que xoga a vida en comunidade. A través das asociacións de veciños, culturais, deportivas ou da Comunidade de Montes, os veciños traballan en acadar obxectivos que repercuten na vida de todos. Ademais das asociacións, un dos pilares da vida en común dos veciños é a música. Tradicionalmente a parroquia foi terra de músicos e sigue a selo nos nosos días: a banda, os gaiteiros, as cantareiras, grupos de baile, a rondalla e as charangas son bo exemplo da riqueza musical dunha parroquia onde é difícil atopar unha familia sen algún músico entre os seus membros.