Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Vincios

A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Vincios xestiona o monte veciñal da parroquia desde o 29 de setembro de 1984, despois de ter sido clasificado como tal polo Xurado Provincia de Montes Veciñais en Man Común da Provincia de Pontevedra. A entidade está integrada na Mancomunidade de Montes do Val Miñor, que engloba á maioría das Comunidades de Montes da comarca e está asociada á Organización Galega de Comunidades de Montes en Man común. Tamén e socia da Asociación Forestal de Galicia dende o ano 2022.
 

O comunitarismo. O monte veciñal é unha propiedade de orixe xermánica consolidada polos usos ao longo dos séculos pois era a base da sociedade rural para a obtención de enerxía, cama para o gando, pasto, madeira para construción, etc.

É unha propiedade que constitúe un exemplo de cooperativismo, de traballo en común, que co paso dos anos foi cambiando os usos tradicionais polos servizos do ecosistema que o monte aporta á Parroquia. 

As características imprescritible, inalienable, inembargable e indivisible garanten a pervivencia no tempo deste tipo de propiedades. Actualmente permite a xestión do monte en todas as súas acepcións, a xestión forestal e doutros produtos, a existencia da gandería cabalar e doutro tipo, como o bovino, caprino ou vacún.

A existencia do comunitarismo contribúe ao desenvolvemento sostíbel da sociedade rural á vez que potencia a nosa identidade cultural xa que tan só no noroeste peninsular, Galicia e Norte de Portugal, se mantivo este tipo de propiedade comunitaria.


Os Proxectos. No Plan de Ordenación do 1999, a Comunidade de Montes de Vincios dividiu o monte en 6 zonas diferentes, ou cuarteis, aos que se lles adxudicou unha liña de actuación preferente. Así o monte pasa a ser un espazo multifuncional no que teñen cabida actividades como a forestal, a gandeira, a cinexética, a social, industrial, e por suposto a protección do monte.

Son moitas as pegadas dos aproveitamentos feitos polos veciños e veciñas no monte veciñal, onde a evidencia máis patente son as moitísimas canteiras artesanais repartidas por toda a superficie do monte, hoxe en día sin explotación, sendo claras testemuñas do que foi un dos grandes almacéns de pedra da Provincia de Pontevedra.

Tras o lume do ano 2017, e a presentación do Plan especial por 10 anos dentro Plan de Ordenación no ano 2018 e aínda presentando modificacións no 2022, os retos son altísimos porque preténdese non só rexenerar o monte, senón crear un monte multifuncional, viable, social e preparado para afrontar posibles incendios futuros. Todo isto está recollido dentro do Proxecto Vinicios Verde que trat de potenciar e poñer en valor os Servizos do Ecosistema.

Os usos potenciais dentro de Vincios Verde

Ademais dos usos que actualmente se veñen realizando no monte veciñal, propóñense unha serie de usos alternativos ou complementarios aos actuais. Estes usos teñen como fin aumentar a produción do monte, mellorar as condicións ecolóxicas e paisaxísticas e favorecer a integración social do monte entre a veciñanza da parroquia e dos lugares próximos. As alternativas propostas pretenden conseguir un monte sostible.

1. Obtención de madeira de pino para serra.

2. Obtención de madeira de eucalipto para serra, pasta ou desenrolo.

3. Reforestación sostible con frondosas caducifolias.

4. Conservación da biodiversidade

5. Uso agrogandeiro

6. Uso recreativo

7. Uso cinexético

8. Produción de plantas medicinais

9.  A apicultura como elemento indispensable na regulación dos ecosistemas.

10. Obtención de produtos secundarios coma cogomelos derivados da reforestación de castiñeiros micorrizados.

11. Plantación de nogueiras para froito.

12. Loita contra o cambio climático son sumidoiros de CO2.

13. Recuperación da froiteira local Carreña.

14. Participación en diferentes proxectos coa Universidade de Vigo.

15. Colaboración cos centros de ensino da Parroquia e fóra dela.

16. Posta en valor do patrimonio material e inmaterial do monte e a Parroquia.



 

Xunta Reitora (dende 6 de setembro de 2020)

 

Alberto Covelo Casal (presidente)
Oscar Barros Otero (Vicepresidente)
Antonio Gallego Gallego (secretario)
Alfonso Salgueiro Salgueiro (tesoureiro)
Lucila Rial Prado (vogal)
Montserrat Salgueiro Varela(vogal)
Plácido Otero Rodríguez (vogal)
Eduardo R. Rial Salgueiro (vogal)