Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Vincios

Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Vincios / Cartografías Sensibles

Detalles do proxecto

Institución que se ocupa da xestión do monte comunal da parroquia de Vincios

O comunitarismo. O monte comunal, unha propiedade de orixe xermánica, reforzou a permanencia desta figura durante séculos pois era a base da sociedade rural para a obtención de enerxía, cama para o gando, pasto, madeira para construción, etc.

É unha propiedade que constitúe un exemplo de cooperativismo, silenciado durante o franquismo mais de novo vixente coa democracia pois quedou na memoria das xentes das parroquias. As características imprescritible, inalienable, inembargable e indivisible garanten a pervivencia no tempo deste tipo de propiedades. Actualmente permite a xestión do monte en todas as súas acepcións, a xestión forestal e doutros produtos, a existencia da gandería cabalar e doutro tipo, como o bovino, caprino ou vacún. A existencia do comunitarismo contribúe ao desenvolvemento sostíbel da sociedade rural á vez que potencia a nosa identidade cultural xa que tan só no noroeste peninsular, Galicia e Norte de Portugal, se mantivo este tipo de propiedade comunitaria.

A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Vincios xestiona o monte veciñal da parroquia desde o 29 de setembro de 1984, despois de tersido clasificado como tal polo Xurado Provincia de Montes Veciñais en Man Común da Provincia de Pontevedra. A entidade está integrada na Mancomunidade de Montes do Val Miñor, que engloba á maioría das Comunidades de Montes da comarcae asociada á Organziación Galega de Montes Comunais en Man común.

Os Proxectos. No Plan de Ordenación do 1999, a Comunidade de Montes de Vincios dividiu o monte en 6 zonas diferentes, ou cuarteis, aos que se lles adxudicou unha liña de actuación preferente. Así o monte pasa a ser un espazo mulifuncional no que teñen cabida actividades como a forestal, a gandeira, a cinexética, a social intensiva e extensiva industrial, as canteiras artesanais e por suposto a protección do monte.

Os usos actuais

PRODUCIÓN DE MADEIRA
No monte podemos atopar tres especies arbóreas dominantes caracterizadas polo seu valor productor, máis na súa meirande parte destaca unha masa de piñeiro do país, plantados no seu día cun dobre fin produtor e protector. O obxectivo económico principal do monte é a obtención de:
- Madeira de piñeiro de calidade para a industria de serrado e a resultante das podas, que non acada a calidade axeitada, para trituración.
- Madeira de frondosas destínase pola súa calidade intrínseca ao serrado, mais pola súa quenda de aproveitamento, non se producirán aproveitamentos destas especies na duración do Plan Especial.
- Madeira de eucalipto adícase para pasta de papel.
- Madeiras nobres están explotándose mediante un acordo con Madeiras Nobres de Galicia

GANDERÍA EXTENSIVA
A presenza de gando mostrenco en réxime extensivo no monte é cada día máis reducida, quedando na actualidade un pequeno grupo de cabezas de gando que pertencen a particulares da zona. Representa un dos usos máis conflitivos pola incompatibilidade de obxectivos coa ordenación forestal. Aínda así a Comunidade de Montes de Vincios está a levar unha xestión conxunta do territorio en diálogo cos gandeiros para permitir a compatibilidade das explotacións forestais e gandeiras.

USO RECREATIVO
Trátase en todo caso de goce activo do monte, dende a realización de actividades deportivas como pode ser a escalada, as marchas, o sendeirismo, rutas en bicicleta, carreiras de orientación, etc... como actividades no ambienta natural e tamén con finalidade didáctica e aumento da conciencia para a conservación dos valores naturais arqueolóxicos que alberga a superficie da Comunidade de Montes.

USO PROTECTOR
As masas forestais dos montes supoñen un elemento regulador das emisións de carbono actuando as árbores como sumidoiros por fixar este elemento químico na madeira e contribuír a unha diminución do efecto invernadoiro. Ademais a presenza do arboredo implica unha función reguladora do ciclo da auga, protectora do solo e elemento fundamental da biodiversidade.

Os usos potenciais

Ademais dos usos que actualmente se veñen realizando no monte veciñal, propóñense unha serie de usos alternativos ou complementarios aos actuais. Estes usos teñen como fin aumentar a produción do monte, mellorar as condicións ecolóxicas e paisaxísticas e favorecer a integración social do monte entre a veciñanza da parroquia e dos lugares próximos. As alternativas propostas pretenden conseguir un monte sostible.

1. Obtención de madeira de pino para serra.

2. Obtención de madeira de eucalipto para serra, pasta ou desenrolo.

3. Reforestación sostible con frondosas caducifolias. Reforgal.

4. Conservación da biodiversidade

5. Uso agrogandeiro

6. Uso recreativo

7. Uso cinexético

8. Produción de plantas medicinais

9. A apicultura

10. Obtención de productos secundarios coma cogomelos derivados da reforestación de castiñeiros micorrizados.

11. Plantación de nogueiras para froito.

12. Loita contra o cambio climático son sumidoiros de CO2.

13. Recuperación da froiteira local Carreña.

14. Participación en diferentes proxectos coa Universidade de Vigo.

15. Colaboración cos centros de ensino da Parroquia e fora dela.



 

Xunta Rectora (dende 6 de setembro de 2020)

 

Alberto Covelo Casal (presidente)
Oscar Barros Otero (Vicepresidente)
Antonio Gallego Gallego (secretario)
Alfonso Salgueiro Salgueiro (tesoureiro)
Lucila Rial Prado (vogal)
Montserrat Salgueiro Varela(vogal)
Plácido Otero Rodríguez (vocal)
Eduardo R. Rial Salgueiro (vocal)
 
 
 

 

 

Cartografías