A Vella (Arruido)
A Vella (Arruido)
/ Cartografías Sensibles
Detalles do proxecto
Personaxe mítica relacionada co inverno, deusa dos antigos poboadores do Galiñeiro
Atrás ficou xa a seitura, a estación da colleita, o sol grande do mediodía galego. O outono avanza, varrendo a follasca da última devesa. Levedan fungos e cogomelos no estrume da fraga, mentres no aberto esperta o verdor do pasto renovado. Sobre os laxóns que descen da serra, as aguas corren a treu. E mentres a sombra do inverno vai escurecendo o Galiñeiro, unha inesperada fumareda elévase sobre a Fonda do Arruído: no seu fogar entre os penedos, a Vella prendeu o lume.
Pouco, mui pouco se sabe xa da Vella. En Vincios é practicamente unha descoñecida, como acontece no conxunto do país. A ela aluden dous topónimos: Cova da Vella e Afumegha a Vella, ambos situados en monte comunal, no entorno do Arruído. Cando no inverno corre a agua sobre a laxe coñecida como Afumegha a Vella, por veces, con vento forte do sudoeste, esas aguas son empurradas cara arriba, dando lugar a un estraño fenómeno que, ollado desde abaixo, semella unha fumareda que se eleva sobre as rochas. Este sinal asóciase coa chegada da chuvia. É entón cando a memoria popular recupera a figura da Vella:
“Ai, como fumegha a Vella! (...)
Andai, ide a i-herba, (...) que xa empesa a fumeghar a Vella(...)”.
Ao pé desta laxe localízase un abrigo natural, cun certo aspecto interior de arca ou monumento funerario, desde o que se domina unha impresionante paisaxe. Esta sería unha das dúas casas que a Vella tería no monte de Vincios.
No entanto, é mui raro que alguén proporcione algunha información adicional sobre ela. Cando isto acontece, e por escasa que sexa, para nós é un auténtico tesouro, dada a trascendencia que esta personaxe debeu ter, na nosa opinión, na concepción mítica do entorno dos antigos povoadores do Galiñeiro. Así, un informante relaciona o fume da Vella coa preparación de castañas no inverno: “Ía cocer castañas, en Decembro.”
Da Vella do Galiñeiro pouco máis podemos dicer, pero... quen era realmente a Vella? A figura da que estamos a falar case non ten tradición propia no noso país, sendo o máis común que se agoche nos nomes de certas covas, cumes e elementos do mundo físico, ou que se oculte baixo distintos disfraces. Na tradición galega descubrímola no nome do arco iris -Arco da Vella-, na Bruta dalgúns contos populares, en figuras mitolóxicas como a Raíña Lupa e a Orca Vella, ou nalgunhas das raíñas mouras ou mouras vellas das nosas lendas populares.
A Vella galega e portuguesa é a Vieya asturiana, e se ben existen en todo o mundo personaxes máxicas que apresentan certas afinidades con ela, é nas culturas gaélicas das Illas Británicas onde encontramos unha figura paralela á nosa, e que recebe mesmamente idéntico nome, pois tamén alí é coñecida como “Vella”: é a Cailleach na língua antiga dos irlandeses (nós pronunciaríamos algo así como “killógh”). En Escocia e na Illa de Man teñen nomes mui semellantes ao irlandés.
A Cailleach é descrita frecuentemente como unha vella mui alta, coa pel sulcada de enrugas, e con máis anos enriba dos que calquera muller mortal poida sumar. Ás veces pénsase que naceu no principio dos tempos, e que na súa dilatada vida ten presenciado sucesos extraordinarios. Dise que chegou polo mar. A Vella de Beara irlandesa -e de xeito análogo a escocesa e a manesa- tomou o seu nome da península de Beara, situada no sudoeste do país. Muitas informacións a sitúan na beira do mar, alimentándose das plantas que apaña polo litoral e dos peixes que ela mesma pesca.
Tamén a Vella galega está relacionada co mar. En Fisterra estaba enterrada a terríbel Orca Vella, e mui perto de alí, no cume do monte Pindo, é a Raíña Lupa quen ten a súa sepultura. Quizais chegaran polo mar nunha barca de pedra, como fixera Nosa Señora da Barca, en Muxía. Mais non temos de ir tan lonxe: no norte agreste da illa de Ons existe unha furna coñecida co nome de Cova da Vella; muito máis perto aínda, na foz do Lagares, temos un Cabo da Vella; quizais, coroando algunhas das nosas elevacións litorais, algúns penedos coñecidos como a Silla da Reina lle estean consagrados. Illas, cantís, esteiros e cabezos litorais son accidentes naturais mui do gosto da nosa Vella.
Con todo, a soberanía da Vella estendíase terra adentro: ora camiñando grandes distancias, por pastos e turbeiras, ora saltando de cume en cume, a súa presenza abranxía a terra toda, cando en tempos pasados ningún deus masculino lle facía sombra. Altos montes que lle puideran proporcionar o abrigo dunha cova constituían para ela o seu mellor fogar. As súas pegadas ficaban impresas na pedra para a eternidade.
Deusa das profundidades da terra e dos seus tesouros, valedora dos animais selvaxes, señora da noite e da morte, era tamén unha deusa das alturas que tiña o seu espello no firmamento: a nosa Vella quizais fora tamén a Vella da Casa das Estrelas dos nosos contos tradicionais, ou quizais unha encarnación da propia lúa.
A Vella dominaba tamén a climatoloxía: a Cailleach Bheur escocesa levaba a neve ás Terras Altas, ao tempo que no inverno lle negaba á terra a fertilidade golpeándoa cun pau. Tamén a Oxáncana, bruxa sobrenatural astur-leonesa, facía caír a neve, varrendo os cumes das montañas coa súa vasoura. Na man da Vella estaba tamén provocar a chuvia, o vento, os temporais do mar... e a xeada. Cando nas máis frías mañáns de inverno os campos de Vincios amañecen xeados, exclaman aínda os viciños:
- “(...) o raio da Vella peneirouche a valer esta noite (...), carai, esta noite non descansou!”
A Vella predicía así mesmo o tempo. Xa o puidemos comprobar no caso do Galiñeiro. Tamén a Vella da Escuridade da Illa de Man o facía. Os viciños sabían que cando a observaban transformada nunha grande ave, transportando leña no peteiro para o seu fogar, situado nunha grencha no alto dun monte, anunciaba chuvia.
Outra das súas atribucións consistía en rexer o caudal de ríos e mananciais. Un descuido seu podía xerar unha terríbel enchenta; muitos lagos irlandeses e escoceses deben a súa existencia aos “despistes” da Vella.
Apesar de que a súa cara máis coñecida a relaciona co inverno, a Vella debeu ter sido tamén unha deusa da fertilidade da terra. En Irlanda, pensábase que o espírito do cereal se recollía no último feixe da seitura. Para que non abandonara a leira facían con el un atado con forma de muller que denominaban a Cailleach.
A Vella era tamén unha deusa criadora. A ela se lle atribúe en Escocia a formación de illas, cantís ou montañas, e no noso país o transporte de grandes pedras sobre a súa cabeza, pedras coas que logo había de construir as antas, enterramentos megalíticos. Tanto na Galiza como en Irlanda, a Vella levanta montañas coas pedras que acarrexa na súa abada.
A seguir, reproducimos unha curiosa lenda recollida no monte Aloia que explica a formación dun estraño acúmulo de rochas, e que indirectamente tamén se podería atribuír á Vella.
No monte Aloia, entre os lugares de Os Cabreiros e Porto de Bouzas, localízase un pedregal coñecido como A Trapa ou os Milaghres da Trapa. Curiosamente, é mui semellante aos Pedragullos da Fonda do Arruído de Vincios, e localízase na rexión sur da mesma serra do Galiñeiro.
RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Afonso. A memoria da pedra. Lendas do monte Galiñeiro. En: Clube Espeleolóxico Maúxo. As covas de Vincios. Comunidade de Montes Veniñais en Man Común de Vincios. Vigo: 2005. p. 147-149

Cartografías