Touba do Brión-Cobreiras

Touba do Brión-Cobreiras / Cartografías Sensibles

Detalles do proxecto

Constituído por varias covas e bloques no Arruído, a Gherencha do Brión conta cunha fisura de 18 m de profundidade.
Sinónimos

A Ghrecha do Brión, A Mina do Brión, A Cova do Brión, Outeiro do Brión, Cobreiras Darriba, Cobreiras Dabaixo, Cabreiras, Fonda e Fondo do Arruído

Este complexo está constituido por varias covas e formas graníticas asociadas cun esvaramento estrutural segundo os planos de laxamento do antiforme Pedraghullo-Cabezo dos Arruídos.

O conxunto está integrado polas seguintes covas:
• A fisura principal ou Ghrencha do Brión.
• As formas de alteración relacionadas co plano de laxamento: catro lapas, algunha superando os 5 m de desnivel.
• As estruturas residuais de bloques emprazadas na segunda trincheira.
• A depresión (circo) no escarpe do esvaramento ou Mina do Brión.
• O sistema de bloques fragmentados ou erosionados de Cobreiras ou Cabreiras, no que destacamos fundamentalmente a cova Cobreiras II, orixinada baixo do talude, nas lindes do frente de esvaramento desta vertente.
As zonas escuras do complexo están relacionadas coas estruturas de bloques e mailas frontes zapadas e lapas.
As fisuras que constituen as ghrenchas son grandes rachaduras a ceo aberto.


 

ESPELEOTEMÁTICA E FORMAS
O complexo destaca polos conxuntos de concrecións de ópalo (brotoidais e aciculares) e mais pola presencia de diversas colgaduras de caolín con desenvolvemento de microgours superficiais.
Sen dúbida o conxunto máis espectacular o consiguen as concrecións orgánicas atopadas en Cobreiras II.
Entre as formas máis relevantes destacan as distintas lapas subhorizontais e subverticais localizadas ao longo do complexo. (Ver láminas). O seu desenvolvemento está claramente asociado cunha banda de cizalla coincidente coa estrutura de laxamento local.
Na valgada de Cobreiras observáronse formas asimilables cun pseudokarren incipiente. Nalgúns bloques aillados atopáronse pías (gnammas) de tamaño centimétrico. No interior dunha das lapas atópase unha gran pía de tamaño métrico e fondo plano relacionada cunha discontinuidade do laxamento.

 

ARQUEOLOXÍA
Descoñécense restos materiais de ocupación ou uso destas covas durante a prehistoria. Con todo, e como nunca foi estudiada arqueoloxicamente, repárese só na veciñanza da Touba do Brión coas mámoas da Chan dos Arruídos, os petroglifos de Auga da Laxe ou da industria paleolítica localizada na Laghoa dos Bromús, etc. Todos, no radio dos 15 a 20 minutos de distancia dende o exterior do complexo soterrado de A Touba do Brión - Cobreiras.

 

VAQUEIRO RODRÍGUEZ, Marcos e GROBA GONZÁLEZ, Xavier. Catálogo de cavidades naturais. En: Clube Espeleolóxico Maúxo. As covas de Vincios. Comunidade de Montes Veniñais en Man Común de Vincios. Vigo: 2005. p. 15-24

Cartografías