As Señoras do Galiñeiro

As Señoras do Galiñeiro / Cartografías Sensibles

Detalles do proxecto

Mouras vencelladas a fontes ou penedos manifestadas en mozas, mulleres ou vellas. As veces deixábanse ver a danzando, a cabalo ou mesmo peiteando os cabelos
A Vella representa a Deusa total en todas as súas funcións. Con todo, encarna en maior medida o aspecto máis invernal da natureza, as orixes do undo e da comunidade humana, ou o escuro mundo dos mortos. Sen embargo, ela abranxe tamén outras funcións, como a maternidade e a fertilidade, o amor, a sexualidade, etc. Así é que, cando o considera portuno, transfórmase. É o caso da Cailleach de Escocia e Irlanda, que á volta dun período de 100 anos (o saeculum sagrado), ou coincidindo coa chegada da primavera, muda o seu aspecto de muller vedraña polo de moza de beleza incomparábel. É o deslumbrante arquetipo da deusa xoven, que recoñecemos tamén na moura galega: muller nova que saúda os raios primeiros de sol no alto dun penedo peiteando os seus longos cabelos loiros cun peite de ouro. O seu bonito vestido bordado, o seu manto azul celeste, as xoias que a enfeitan, a súa pel esmacelada e, sobretodo, a aura tan especial que a envolve, revélanna diante do labrego ou labrega que a observa como a manifestación dunha muller do Outro Mundo. Os nosos “encantos” teñen muito que ver coas típicas fadas europeias: as fées francesas, as sidhes irlandesas e escocesas, as rusalkis rusas e un longo etcétera. Na Península Ibérica son coñecidas baixo unha grande variedade de denominacións: moiras, xanas, anjanas, encantadas, moras, Mari... As mouras adoitan manifestarse en solitario, aínda que ás veces o fan en grupos de tres, o que nos remite ao repetido motivo da tríade de deusas, tan común na mitoloxía europeia. En solitario móstranse cáseque todas as mouras encantadas da serra do Galiñeiro. Gostan especialmente dos grandes penedos, en particular daqueles que se encontran ocos no seu interior, e con formacións xeolóxicas do tipo “niño de abella”. Así, encontrámolas no Coto da Moura de Chaín, na Campana das Mouras de Piñeiro ou na Pedra Moura de Xián. Gostan tamén de lapas como a Lapa da Moura de Vilas. A proximidade dun regato ou dunha fonte é mui importante para elas, xa que están mui relacionadas coas aguas, nas que en ocasións poden habitar, e que usan en todo caso para se lavaren e peitearen. Nos Cabreiros, unha moura pode ser observada na beira dun regato mentres se peitea cun pente que “loce como o ouro”. Penedos abeirados a cursos de agua son a Pedra Moura da Fraga, o Coto dos Mouros ou a Pedra da Abella, nos Cabreiros (Monte Aloia). Pode suceder tamén que un regato discorra polo interior dunha cavidade, como acontece coa Casa do Demo. Este espléndido abrigueiro era coñecido polos viciños do Casal de Abade, en Zamáns, co nome de Cova da Moura, en lembranza da aparición dunha moura encantada, atopada alí por algún antepasado dos lugareños. No Curro Vello do Galiñeiro existían unhas brañas coñecidas como a Laghoa dos Bormúns. Zona de enterramento neolítico sobre a que destacaba un penedo singular: a Pedra dos Bormúns ou Pedra das Mouras. Aquí non era unha, senón varias as mouras que se aparecían (descoñecemos o número exacto). De madrugada, antes de saír o sol, viciños e viciñas da Atalaia subían cara o Galiñeiro a presenciar a amañecida de S. Xoán, amañecida na que o astro asomaba polo nacente baillando. Era entón cando sorprendían ás mouras sobre a Pedra dos Bormúns: elas tamén saudaban o novo día danzando. Curiosamente, as mouras se relacionan tamén con sarcófagos medievais, como a Cama da Moura e a Sepultura, ambos en Prado, Morgadáns. Ás veces, as mouras se desprazaban baixo terra, usando descoñecidos camiños subterráneos ocultos aos ollos da xente; estes camiños comunicaban entre si diversos pontos da xeografía máxica do Galiñeiro. Así, no Coto da Moura (Chaín) unha muller peiteaba os seus cabelos loiros sobre o penedo ao raiar o sol. Xa dixemos que entre este coto e o Coto do Morxón (tamén en Chaín) existía unha mina. Quizais a moura tomara ás veces este camiño, pois no alto do Coto do Morxón existiu outro penedo que compartía co primeiro o mesmo nome: o Coto da Moura. As mouras do Galiñeiro son tamén coñecidas nas freguesías da serra como mouras encantadas ou señoras. Estas denominacións revélannos, por un lado, a natureza máxica destes seres e por outro, a maxestade que as envolve. Non sempre se manifestan como mozas. Ás veces fanno baixo a forma de “mulleres” ou mesmo de vellas (outravolta). Mui significativa ao respecto é a información que nos proporciona un viciño da Fraga, que nos refire a aparición dunha anciá de grande beleza no lugar da Pedra Moura. Noutras ocasións toman a forma dunha grande serpe; custodias das riquezas da terra, poden aparecen adornadas con enfeites de ouro. Así se manifesta o encanto da Pedra da Abella, no monte Aloia, coroada de cadeas do preciado metal. As mouras lavaban o seu ouro pola noite na Pedra das Velas, nuns lavadouriños que mui ben poderían ser muíños de man da Idade do Bronce. Nunhas fochiñas da mesma pedra asentaban as súas velas para se alumearen. Habitualmente, considerábase que as mouras eran unhas mulleres que foran encantadas polos mouros do sochán, condenadas a gardaren os seus ricos haberes por longos períodos de tempo. Inseparábeis do penedo ou fonte ao que están vencelladas, as mouras, serpas e aureanas galegas só se deixan admirar en certos días do ano e a certas horas, como xa puidemos comprobar. Nesas ocasións, poden conversar cos humanos ou pedirlles algún favor, se ben o máis normal é que corran a agocharse de nós ou desaparezan da nosa vista (o cal é lóxico). Sen embargo, a maior ambición destas entidades femininas semella que é seren desencantadas por un home afouto e de palabra -mellor se non está comprometido-, a quen porán antes a proba propóndolle un difícil reto que ha de superar. Daquela marcharán gostosas con el, oferecendo como enxoval da unión os seus ricos tesouros. Aínda que a vida destes seres é mui lonxeva, o seu período de encantamento sempre ten un límite. Dicíanos unha viciña de Prado, Gondomar, que se este período se consumía e a moura non era desencantada, introducíase para sempre no interior da pedra. Noutros relatos galegos, cando o prazo finaliza o encanto descende río abaixo, ás veces no medio dunha grande enchenta camiño do mar (lembremos que o fondo do Mar Coallado está estrado de tesouros). Algunhas mouras aparecíanse montadas a cabalo. É o caso do encanto da Sepultura (Prado), que saía na medianoite do día de S. Xoán a lombos dunha cabalaría. O cabalo era o veículo máxico que servía de comunicación a estes seres entre o aquén e o Alén. Neste mesmo lugar existía unha sardiña gravada na pedra. Dicíase que se alguén fora quen de levar unha sardiña viva desde o mar e depositala sobre a gravura, faríase cun grande tesouro. Normalmente, o peixe morría en canto chegaba á beira do sarcófago, mais dunha volta alguén conseguiu pousar unha sardiña con vida na pedra. Entón saíu do penedo unha muller portando dúas grandes sabas e tocando a pandeireta. O home saiu logo a todo correr para avisar os seus viciños. En canto chegaron á Sepultura, a muller introduciuse novamente na pedra e a continuación esta pechouse. Doutra ocasión outro home, tamén de Prado, topouse na serra cunha moura que estaba a bailar e a “tocar as palmas”. O home estendeu no chan unha saba, e a prenda encheuse de ouro. Mais colleu medo e fuxiu. Na casa contou o que lle acontecera, e acordaron subir todos xuntos. Chegaron ao lugar de encontro, mais alí xa non había nada. RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Afonso. A memoria da pedra. Lendas do monte Galiñeiro. En: Clube Espeleolóxico Maúxo. As covas de Vincios. Comunidade de Montes Veniñais en Man Común de Vincios. Vigo: 2005. p. 152-154
Cartografías