O ollo do mar

O ollo do mar / Cartografías Sensibles

Detalles do proxecto

Antigamente pensábase que o Galiñeiro era un “brazo de mar” que asomaba a través de diversos mananciais coñecidos como “ollos do mar”
Entre o Galiñeiro e o mar existía unha estraña relación: antigamente pensábase que este monte era un “brazo de mar”, mar que asomaba através de diversos mananciais ou olleiros, coñecidos como “ollos do mar”. Un destes ollos situaríase sobre o Campo Redondo. Un segundo ollo estaría ao pé da Loma da Sorra. Outro manancial tería o seu nacimento entre as dúas Ghallas do Galiñeiro, ao pé do penedo coñecido precisamente como Ollo do Mar. Estas aguas alimentarían a Fonte Coberta, e baixarían cara Vincios através da Regheira da Raís. Como consecuencia da súa conexión co mar, o fluxo de agua considerábase permanente, daí que os pastos regados por estes olleiros se conservaran verdes durante todo o ano.
A proximidade do mar a este cume era tal que achegando a orella á grencha que se abre a carón do penedo do Ollo do Mar “sintes cantar a ághua”. Exactamente igual que na Fonte de Sanomédio (Camos) e na Pedra da Laghoa (Coruxo), lugares que se relacionaban así mesmo co mar, e nos que podía ser escuitado o seu bater.
En Zamáns aínda hoxe se acredita na existencia dun mar subterráneo que se estendería baixo a terra toda, e do cal manarían as fontes. De se abrir algún día a superficie da terra, Zamáns enteiro se precipitaría sen remedio sobre as aguas deste mar.
O mesmo topónimo de Zamáns (quizais debería ser realmente Samáns) fai alusión á abundancia de agua nos seus prados e barxíos.
Este mar soterrado non é outro que o Mar Coalhado portugués ou a Mar Tapada asturiana, mar que se estende baixo o océano e baixo o continente, asomando através de lagoas, fontes e “pozos peagos”. Así, as pozas, mananciais e olleiros das nosas máis altas chans transformáronse na tradición popular nos “ollos” e nos “ouvidos” do mar coallado, órgaos dun misterioso océano que se eleva até os cumes, como buscando tocar o ceu.
Ese mar está relacionado coa morte: o Pozo da Lagoa (Coruxo) tragaba os bois e as vacas que abrevaban confiadamente nas súas ribeiras, e fora responsábel da destrución do Coruxo primitivo, polo que tiña relación coa vila alagada de Troia ou Toralla.
O outro ollo de mar do monte do Maúxo, a Fonte de Sanomedio, podería estar relacionado con outra “cidade dos mortos”: a vila de Gaifar, soterrada baixo as desaparecidas dunas da Area de Lourido, en Nigrán.
Na Bretaña o mar subterráneo é o “Mar dos Mortos”, e dise que alí está tan perto da superficie terrestre que se pode escuitar -tamén- o seu bater. Quizais non sexa casual esta comunidade de ideas en dous países que teñen en común a súa condición de “Finisterres” atlánticos, lugares de embarque das almas dos mortos cara o Mar Occidental.
O Mar Coallado tamén se relacionaba cos tesouros do mundo subterráneo, como o leito de diamantes que custodiaba o cuélebre asturiano (a becha alada da mitoloxía astur). Tocar estes tesouros podía provocar o rebordamento do mar através destas aberturas, alagando todo en redor.
Hai uns anos, cando quixeran abrir unha mina no Galiñeiro para a explotación de minerais preciosos (“terras raras” e minerais radiactivos, polo que parece) o proxecto non fora adiante. Segundo os viciños “non se teñen metido aí no monte Ghaliñeiro porque disque o Ghaliñeiro é un brazo de mar (...) é pelighroso, porque se rebenta o monte...”.
Estes afloramentos do mar subterráneo adoitaban ser custodiados por unha muller mítica, unha serpe ou un dragón, seres relacionados co Inframundo. En certas ocasións provocaban o seu rebordamento, asolagando as vilas habitadas e causando grandes mortalidades.
Tamén na historia mítica do Galiñeiro semella que se produciu este episodio, relacionado aquí co diluvio: unha grande enchenta, orixinada no cume do Galiñeiro, baixou cara Vincios levantando unha grande esborrallada ao seu paso camiño do mar. Os Pedraghullos das Ghallas e da Fonda do Arruído serían os testemuños da catástrofe.
Estas manifestacións de viciños de Vincios e Zamáns quizais encerren un vello tabú, “porque ao Ghaliñeiro non se lle pode tocar”, preocupación esta que compartían cos viciños de Vilas, que temían que algún día puidese rebentar o seu propio “brazo de mar”, localizado na Loma da Sorra. Este tabú tería protexido as cotas altas da serra, unha das entradas ao Mar Coallado, o Alén dos antigos povos atlánticos.
Coa chegada do cristianismo, muitas destas portas ao mundo inferior pasaron a ser consideradas entradas ao inferno. Perto do cume do monte Aloia coñecemos, precisamente, un Coto do Inferno relacionado co Río do Inferno ou da Trapa.

RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Afonso. A memoria da pedra. Lendas do monte Galiñeiro. En: Clube Espeleolóxico Maúxo. As covas de Vincios. Comunidade de Montes Veniñais en Man Común de Vincios. Vigo: 2005. p. 134-136
Cartografías