O Brión

O Brión / Cartografías Sensibles

Detalles do proxecto

Grande ave da noite desaparecida da Serra do Galiñeiro (bufo)
Aínda non abandonara o inverno os tesos do Galiñeiro, cando a cercana primavera aniñaba xa no fondo das valgadas e nas lombas sollosas, e nas flores temperás dos mallos, e dos xacintos bravos, e nas prímulas... Era este o tempo escollido polo brión para elevar o seu forte bruar sobre a Fonda do Arruído.
Estamos a falar dunha grande ave da noite desaparecida xa do Galiñeiro, e que no conxunto do noso país se encontra nunha situación crítica. Surpréndenos o nome co que se coñece en Vincios, pois a súa denominación máis habitual é a de bufo. É este o único lugar que coñecemos no que unha especie animal recibe o nome de brión. Curiosamente, o brión aparece tamén como protagonista dunha fábula mítica en Euskadi. Descoñecemos os detalles desta historia, mais o caso é que pola súa culpa o resto dos animais perde o don da palabra.
Tratábase dunha ave mui corpulenta, que os viciños comparaban cun “ghalo bo”. A súa plumaxe era acastañada, salpicada de negro, “era un páxaro disque precioso”. A cabeza tíñaa adornada con dous penachos de plumas que semellaban dous “cornos”. O seu peteiro era curto, mais forte e ganchudo, como correspondía ao grande cazador da noite que era.
Era o brión mui pesado; normalmente, apenas o vían voar curtas distancias, de penedo en penedo. Raramente se deixaba observar durante o día. Os seus ollos eran “mui ghrandes”, “como os dun boi”, e se resultaba surprendido á luz do día polos demais páxaros, fóra do seu acovillo, estes “comíanlle os ollos”.
Era por iso que durante o día se recollía na cavidade coñecida como Touba do Brión, Ghrencha do Brión, Cova do Brión ou Outeiro do Brión, da cal se fala no Catálogo de Cavidades deste libro. Este abrigueiro localízase baixo o Coto do Arruído. Antigamente, os nenos de Vincios subían até o Pedraghullo do Arruído para escuitalo bruar á noitiña, mais era tal o medo que puñan os seus fortes urros que os rapaces fuxían arrepiados. Sería por causa destes “arruídos” que o coto tomara tal nome?
Todos estes datos, proporcionados polos viciños e polas viciñas de Vincios, leváronnos a identificar o brión co bufo real (Bubo bubo), o xigante das rapinas nocturnas ibéricas. Naquel entón, a serra do Galiñeiro constituía un hábitat ideal para el, con amplas áreas de monte aberto e despovoado, no que se multiplicaban coellos e lebres, as súas presas máis apetecidas. Cortados pedreguentos como a Touba do Brión proporcionaban ao bufo acovillo seguro onde poder criar.
Ás veces falábase dos brións, en plural, referíndose quizais á familia completa: os bufos acostuman sacar adiante dous ou tres polos por niñada. Atribuíaselles tamén unha grande lonxevidade cando dicían que os brións “eran vellos”.
O seu ulular era escuitado a grande distancia (no bairro da Serra, por exemplo), desde as frías noites invernais até as “noites serenas” do verán. Mais por desgraza o brión xa non canta nas noites do Galiñeiro...
Cóntanos Avelino Otero que, sendo rapaz, uns cazadores de Vigo preguntáronlle no monte polo animal. El mostróullelo pousado nunha póla dun carballo, na Fonda do Arruído. Os cazadores abatéronno. Aínda que nun primeiro momento só estaba ferido, acabaría tristemente disecado en Vigo.
Non é esta, porén, a única versión que escuitamos sobre a morte do derradeiro brión do Galiñeiro. Segundo outra versión, foron dous cazadores de Vincios quen o mataron nun asexo, cando caía a noite; trataríase de “Bernardo o de Brandufe” e máis o “Casón”.
Unha terceira versión sostén que o autor dos disparos tería sido outro viciño da freguesía, coñecido como Pepe. Ferido nunha asa, terían levado o brión a unha tendabar, a de “Paulino da Veigha”; alí tería ficado preso durante un tempo, pexado por unha pata. Polo que parece, alimentábanno a base de sardiñas que unha peixeira traía a lombos dun burro fariñeiro desde Baiona (dicíase que os brións se alimentaban de peixe, como veremos máis adiante). Mais pouco duraría o animal naquel estado: semella que o último brión do Galiñeiro morreu no bar antes da guerra do 36.
Polo dito até agora, todo encaixaría sen muitos problemas dentro da bioloxía do bufo real, e non se entendería mui ben o motivo da súa inclusión neste capítulo sobre lendas tradicionais. Mais o brión non estaba só: a carón del vivía a súa compañeira. María, a garza da noite, non tiña nengunha semellanza con el.
RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Afonso. A memoria da pedra. Lendas do monte Galiñeiro. En: Clube Espeleolóxico Maúxo. As covas de Vincios. Comunidade de Montes Veniñais en Man Común de Vincios. Vigo: 2005. p. 156-157
Cartografías