Muíños dos Bernardos

Muíños dos Bernardos / Cartografías Sensibles

Detalles do proxecto

Os muíños eran utilizados por todos os veciños seguindo as quendas establecidas pola persona encargada. Algúns deles utilizáronse ata finais dos anos noventa.<br /> Un destes muíños foi recuperado por profesores, pais e alumnos do Colexio Público Serra Vincios.

Os nosos muíños hoxe son maioritariamente dos chamados de herdeiros, isto é, de propiedade comunal e que se usaban por todos os veciños seguindo unhas quendas establecidas por unha persoa encargada, unha especie de pedáneo que regulaba o uso dos muíños e das augas das presas. Polo tanto, cada veciño facía de muiñeiro/a cando lle tocaba a quenda e moía o seu gran. Segundo nos contan varios informantes, eran as mulleres as que ían ao muíño maioritariamente, pois os homes tiñan que se ocupar noutras tarefas e outros tipos de traballos, dos cales vivían. Tamén os houbo de propietarios, de maquía ou de negocio, maioritarios no século XVIII, segundo se constata xa no Catastro de Ensenada en 1753, e que podemos ver no cadro que vai debaixo. Houbo pois, unha gran variación na propiedade dos muíños dende o ano 1753 ata os últimos anos nos que estiveron en funcionamento, pasando a propiedade, por herdanza, a moitas familias mentres non chegaron os muíños eléctricos e a fabricación do pan dun xeito industrial nas panaderías, fornos e tafonas que se espallaron por todas as parroquias, así como a importación de fariña triga de Castela e o crecente consumo, ao mellorar a economía das familias, do pan branco que noutrora fora un luxo ao alcance de moi poucos.
O muíño tradicional galego ten unha serie de elementos que, con lixeiras variacións locais, se manteñen por todo o país. As variacións moitas veces veñen impostas pola propia natureza e situación do muíño. Hai que contar coa cantidade de auga da que se dispón, a pendente do lugar e/ou a propia forza natural derivada das mesmas, caudal e pendente, para condicionar a feitura dos noso muíños e a súa arquitectura tan ben deseñada e aproveitada. Non se moe perante todo o ano na maioría dos muíños, por ir fallando a auga e, consecuentemente, a forza necesaria para mover a mó. A forza motriz que produce a auga move a roda do rodicio e esta transmítese á mó ou moa que no seu roce co pé fai que o gran se transforme en fariña. Os nosos muíños son maioritariamente dunha soa mó, con notables excepción, ao ser os ríos e regatos de Gondomar cursos de auga pequenos e non moi anchos, co cal se aproveitaron moi ben os lugares máis axeitados para facer as presas e as canles ou regos, para aproveitar moi eficientemente a auga que, por outra parte, era tamén aproveitada para regar os campos e non abondaba perante todo o ano, o que facía que o seu aproveitamento e uso comunitario supuxese, as máis das veces, unha fonte de conflitos que as distintas comunidades souberon resolver, como noutros pobos, cun regulamento de quendas establecido segundo normas aceptadas por toda a comunidade e que había que respectar so pena de sanción que suporía a perda da colleita.
Na Parroquia de Vincios había en 1753 29 muíños. Hoxe, grazas ao traballo da asociación Pedraghullo estase levando a cabo un traballo de recuperación, en primeiro lugar da memoria, vendo cales se conservan e cales foron feitos despois de 1753, e en segundo lugar, de limpeza da contorna e dos muíños, elaboración dunha ruta para poder visitalos e a posta en valor do conxunto.
Instituto de Estudios Miñoranos. Os muíños de Vincios, testemuña dunha empresa feminina e comunal. 27 Agosto 2012 18:40 <http://www.minhor.org/component/content/article/63-informacion/656-os-m…;

Cartografías