Mina de Fortes e fonte nas Milladas
Detalles do proxecto
O clima desta parte do país no que habitamos, como sabemos, caracterízase por ter uns meses -os máis duros do verán- nos que non chove o suficiente. Un dos remedios tradicionais para intentar mitigar as tempadas de escaseza de auga é a de construír pozos, presas e minas de auga.
As minas de auga son un tipo de covas artificiais. Un túnel a furar o monte feito coa idea de aproveitar ó máximo as augas freáticas e as epifreáticas, levando ó rego tanto as augas soterradas como as augas que saturan o solo.
A mina de Fortes atópase á dereita do acceso á vivenda, na beira do camiño enfronte da casa dos Fortes.
Mina de auga dunha sóa galería de dirección entre 180°-190°N e cun desenvolvemento de pouco máis de 18 m de fondo. Anchos e altos variables, xa que os desprendementos que sofre a cavidade deformaron a súa estrutura orixinal; altura máxima de 3'60 m e mínima de 0'50 m. No fondo da mina construíuse unha pequena presa da que a auga sae por un regueiriño cara o exterior; chegados a este punto, a auga circula 3 m por baixo do camiño, hoxe asfaltado, e vai dar finalmente a unha fonte situada xusto diante da casa propietaria.
Os propietarios e veciños da mina 'xa non acordan facela'.
O estado de conservación é malo, e hai perigo de desplome dada a escasa potencia de terreo sobre a cavidade. Na nosa visita observamos tamén crías de anfibios, tritóns e saramántigas. Como todas as covas, naturais e artificiais, estes habitáculos son niño de morcegos das distintas especies que andan por aquí.
Conxunto etnográfico salientable, xa que esta Mina-Fonte non só se localiza na mesma zona que O Cuberto do Carro, senón que tamén queda perto da Mina do Chuco.
GARCÍA GARCÍA, Miguel & COSTAS GOBERNA, José Bernardino. Cavidades artificiais. En: Clube Espeleolóxico Maúxo. As covas de Vincios. Comunidade de Montes Veniñais en Man Común de Vincios. Vigo: 2005. p. 97-98