A Mina da Casa do Santos
Detalles do proxecto
Mina de auga de uso particular nunha das casas do barrio da Serra.
A mina foi construída contra 1900 a iniciativa do avó da actual dona da casa, Domíngo Lorenzo Álvarez, morto en 1924 con 50 anos de idade e do que lembra foi secretario do Concello e home importante de Vincios '(...) queríanlle moito porque facía cousas pola parroquia; o cementerio que temos en Vincios mandouno facer el aí, en Santa Lusía (...)'. Un familiar, José Santos, deulle nome a esta casa do barrio da Serra durante moito tempo.
A cavidade, anexa á vivenda, está formada por unha estreita galería de escasa altura (90-110 cm. de media), que se adentra serpenteante en dirección á estrada Gondomar-Porriño. Mide máis de 145 m topografados, metros ós que habería que sumar outros 40 metros estimados, obstruídos por distintos derrubes que fixeron desaconsellable chegar ata o manancial da Fonte da Veigha, propiedade do tamén finado Florentino da Veigha, veciño e amigo do referido Domingo Lorenzo, onde principia esta mina.
Actualmente A Mina da Casa do Santos segue en uso dándolle servizo ós propietarios para regar e para darlle de beber ó gando. Haberá vinte anos que, pola construción dun cortello sobre a mina, a auga non serve para consumo humano. Cóntase con que o saneamento de augas prometido, volte o día en que se poda beber de novo dela.
GARCÍA GARCÍA, Miguel & COSTAS GOBERNA, José Bernardino. Cavidades artificiais. En: Clube Espeleolóxico Maúxo. As covas de Vincios. Comunidade de Montes Veniñais en Man Común de Vincios. Vigo: 2005. p. 101