María a Garza da Noite

María a Garza da Noite / Cartografías Sensibles

Detalles do proxecto

Ave nocturna. A Garza e o Brión vivían xuntos na Fonda do Arruído e asóciase a ela o papel de deusa proveedora de alimentos
A Touba do Brión é un dos lugares con máis misterio do Galiñeiro. Leva inscrito no seu nome o recordo da ave. Sen embargo, segundo o noso parecer, é a parella do brión o ser máis enigmático e intrigante dos que habitaban a Fonda do Arruído.
Tratábase dunha garza, unha especie coa que a nivel biolóxico non tiña muito parentesco. Aínda así, concebían fillos en común, e habitaban nun lugar absolutamente estraño para unha ave acuática.
A súa plumaxe era grisalla, o pescozo longo, e alimentábase de peixes, características estas que encaixan na descrición dunha garza. Sen embargo, era unha ave nocturna, cun peteiro curto, e bastante máis pequena do que o brión. Era, desde logo, un Ardeídeo bastante atípico, e se a tivéramos de relacionar con algunha garza coñecida, sería coa garza da noite (Nycticorax nycticorax), especie mui pouco común no noso país.
A garza e o brión habitaban xuntos na Fonda do Arruído. Os nenos, naquel tempo, asomábanse por veces á parte alta do Outeiro, acompañados dalgún maior: tíñanlle medo aos gatos bravos que, daquela, se atoubaban nos mesmos penedos. Se tiñan sorte, surprendían a estraña parella deitada nunha lapa na Ghrencha do Brión. Tampouco a garza era amiga de saír polo día, pois dicían que tiña os ollos mui claros, e a luz do sol amolábaa.
Vivían na lapa coas súas crías. Alimentábanse todos eles de peixe. O brión non pescaba: en canto caía a noite, voaba até un penedo ou ficaba na rocha cos pequenos, ao cuidado deles. Era a garza quen saía naquel momento cara Baiona. O brión agardaba. Pasado un tempo chamaba por ela, emitindo uns urros graves e profundos:
- Moo-ri, Moo-ri...!
Urros que finalmente se transformaban en:
- Maa-ri-a, Maa-ri-a...!
A garza chamábase María. Dicían entón os viciños:
“Xa lle tarda a comida, tárdalle a comida ao brión”
E o brión porfiaba:
- Marii-a, Marii-a, ti ves ou non ves, Marii-a...?
A garza voltaba da súa pesca en aguas de Baiona ou da Ramallosa sobre a unha ou as dúas da madrugada. Mais ás veces perdíase. Entón o brión voaba ao alto dun penedo e chamaba por ela, para orientala así camiño do niño. Cando María chegaba por fin, compartía o peixe co compañeiro e coas crías.
Unha información de grande interese refírenos que, nun pasado, a garza salvara de morrer de fame aos viciños de Vincios. Tamén para eles pescaba María.
A figura da garza do Arruído é realmente estraña, e ás veces semella unha metamorfose dalgunha antiga divindade no seu papel de deusa da pesca ou provedora de alimentos.
Non encontramos na nosa pesquisa muitos casos de transformación de seres femininos en garza. Mais a figura da Vella, máis unha vez, pode achegarnos algunha luz sobre este asunto. Lembremos, por exemplo, o caso da “Anciá da Escuridade” da Illa de Man, que podía ser observada certo día do ano baixo a forma dun grande páxaro, levando leña no peteiro.
Foi en Irlanda, porén, onde demos coa narración que máis paralelismos ten coa garza do Galiñeiro. Trátase dun relato recollido dunha muller maior, viciña do condado de Kerry. Nela relátase o combate librado entre un home e a Cailleach -o equivalente gaélico da nosa Vella-, que xoga aquí o papel dunha bruxa sobrenatural mui destrutiva.
A Cailleach vivía desde tempos inmemoriais nunha cova entre as rochas, no alto dun val. Como no Arruído, tamén alí se escuitaba un terríbel bradar ao caír a noite. Non había quen ousara entón aproximarse ao lugar. A Cailleach non se afastaba nunca da súa cova, na que vivía co seu fillo: un can con oito patas. Ninguén sabía de que se alimentaban, até o día no que o heroi do relato os surprendeu... a mesma nai da Vella aínda vivía, e todas as noites pousaba no alto dun penedo situado á entrada da cova. Abría entón o peteiro, deixando caír as anguías coas que os mantiña. Antes de saír o sol, marchaba voando. Era unha garza.

RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Afonso. A memoria da pedra. Lendas do monte Galiñeiro. En: Clube Espeleolóxico Maúxo. As covas de Vincios. Comunidade de Montes Veniñais en Man Común de Vincios. Vigo: 2005. p. 157-159
Cartografías