Cultivo de cogomelos no Salgueiro
Detalles do proxecto
Durante anos, as diferentes Comunidade de Montes, adicaron o esforzo de explotación do monte exclusivamente para a obtención de madeira, esa foi a herdanza que deixaron os anos escuros nos que o monte deixou de estar nas mans dos seus lexítimos propietarios,a veciñanza comuneira. Esta actividade causou unha sobre saturación de monocultivo e un empobrecemento dos solos a causa da sobre explotación do monte, dando como resultado montes con baixa diversidade biolóxica e cunha caída da produción.
Esta situación de deterioro ambiental, agravouse a causa do aumento dos incendios forestais nos últimos anos. Por iso a situación leva a unha adopción de medidas urxentes e definitivas Así, seis Comunidades de Montes do Val Miñor deciden poñer en marcha unha iniciativa común na liña da recuperación ambiental. Así, póñense mans á obra e crean un proxecto pioneiro de interrelación entre diferentes Comunidades de Montes cun beneficio de caracter ambiental e que teña repercusión social, primeiro para toda veciñanza comuneira das propias comunidades partícipes, despois para toda a veciñanza e tecido social do concello. Con este proxecto a Comunidades de Montes de Vincios pretende incidir na multifuncionalidade do monte e no cambio de xeito de comprender a súa posta en valor, dando ao monte a oportunidade de diversificar a súa recuperación paisaxística e biodiversidade mediante a utilización dun sistema natural e ecolóxico, como é a Micorrización, capaz de contribuír á recuperación solos degradados e incendiados, aportar vigorosidade e alimento a outros vexetais, ademais de obter uns produtos típicos dos nosos montes como son a castaña de calidade e cogomelos comestibles de uso culinario, andoa, Boletus edulis, e níscalo, Lactarius deliciosus.
A micorrización é unha relación de simbiose entre un fungo (mycos), que aporta á planta nutrintes minerais e auga- e as raíces dunha planta (rhizos), que aporta ao fungo hidratos de carbono e vitaminas que non pode obter doutra maneira.
O efecto do micorrizamento:
- Melloran a nutrición das plantas.
- Son “esponxas” de CO² Atmosférico.
- Equilibran a composición do solo e recuperan a cuberta vexetal.
- Fomentan a biodiversidade dos solos.
- Axudan á planta a aguantar a seca e as pragas.
- “Vacinas” biolóxicas e “seguros” ecolóxicos.
O obxectivo xeral é a recuperación paisaxística de diferentes zonas do monte mediante a mellora de solos degradados e incendiados e a promoción dos soutos, plantación de castiñeiros, ben como manexo de plantíos xa existentes, ou como promoción de novas áreas. A micorrización de árbores permite nunha mesma parcela de monte dous usos distintos todos eles positivos para a recuperación dos seus solos e outorgando ás CCMM unha nova vía de sustentabilidade do monte. É interesante pensar que os produtos finais serán, ademais da mellora da contorna e das condicións ambientais do monte e do solo, abrir a posibilidade do disfrute social das castañas e dos cogomelos.
O proxecto:
As actuacións na C.C.M.M. leváronse a cabo en dúas zonas:
Nunha parcela do Monte Galiñeiro de 3,72 ha, con piñeiros de 11-15 anos de idade. Inoculáronse con micorriza do xénero Lactarius deliciosus.
1. Noutra parcela Monte Salgueiro de 2,75 ha, cuberta de carballo país de 10-20 anos de idade. Inoculáronse os castiñeiros con micorriza do xénero Boletus edulis.
2. As zonas elixidas para os traballos de Micorrización e Plantación foron pensadas para posibilitar a accesibilidade a persoas con capacidade de movemento limitada ou con discapacidades.
3. Todo o material obtido da limpeza dasáreas de plantación de especies autóctonas xa micorrizadas utilizarase para formar unha pilla de restos vexetais, que posteriormente se utilizarán para a recuperación de solos incendiados ou degradados, aportando así, máis diversidade.
4. Sinalizáronse as zonas de micorrización para mellor indicación para a veciñanza do concello cando vaian a recoller os cogomelos e as castañas.
5. Como contribución ao desenvolvemento social, levouse a cabo a formación continua e mesmo a promoción do emprego especializado nas tarefas do monte e do medio rural nas actividades de limpeza, preparación e inoculación con persoal específico e especializado.
Santos, Luz. O medio natural. En: Guía multifuncional de Vincios. Comunidade de Montes Veniñais en Man Común de Vincios. Vigo: 2012. p.85 - 98