Canle do Pegho Neghro

Canle do Pegho Neghro / Cartografías Sensibles

Detalles do proxecto

Túnel inconcluso que forma parte da obra que intentou sumistrar unha maior carga de auga para elevar a potencia da 'Central Eléctrica de Pego Negro'
Túnel inconcluso que forma parte da obra que intentou suministrar unha maior carga de auga para elevar a potencia da 'Central Eléctrica de Pego Negro'. Como se pode comprobar pola descrición e a topografía, a cavidade non ten, nin tivo nunca saída nin outra entrada. O proxecto fracasou e non se rematou o túnel.
Así queda unha galería escavada na banda de tránsito entre granitos alcalinos de dúas micas e os paraneises con plaxioclasa do Galiñeiro que mantén un rumbo N240°EN260° E. Os primeiros 50 metros encóntranse escavados ben en granito, ben en xabre, mentras que o restante da galería está escavado ben na banda de tránsito, ben nos paraneises. A galería ten unha evolución horizontal sen case variación na pendente e un solo de limo-areoso.
Topografáronse un total de 147 m ós que debemos engadir aqueles desaparecidos polo desanche da estrada. O ancho da galería, construída a barreno e pico e pala, varía entre os 75 cm de mínimo a 125 cm de ancho máximo, sendo a norma o metro de ancho contínuo ó longo da canle. As seccións da cavidade son relativamente amplas cunha altura media superior ós 200 cm, mesmo chegádonse os 300 cm. As seccións estruturais determinadas veñen dadas polas redes de fraturación locais, buzamentos das paredes e bóvedas relativamente constantes (por tramos).
É doado confundir esta canle, sen rematar, coa galería propia dunha mina de auga, xa que son moitas as semellanzas con ese outro tipo de cavidade artificial, polo de máis, moito máis abundantes e coñecidas que o túneles deste tipo. O caso é que aquí non se construíu esta galería co propósito de buscar olleiro algún, aínda que algunha água colle, senón que estamos ante os restos do intento, desesperado e fracasado, de conseguir maior potencia hidroeléctrica construíndo un tubo de carga máis potente.
O que queda do pretendido túnel localízase nos Aghunchos á beira da estrada Gondomar - Porriño, á dereita do vial, subindo cara Vincios pola estrema de Chaín frente Vilaza, UTM (521048, 4664022) logo da curva que sobrepasa o río pola ladeira oriental do canón ”Pelagus Nigrum” que así lle din documentos medievais.
A Central do Pego Negro construíuse abaixo, no río, onde o seu propietario lle chamaba 'Real Sitio de Pego Negro y Comedor de Laureles'. Este era don Laureano Salgado Rodríguez (1847-1930), enxeñeiro industrial, propietario e sobranceira personaxe quen, xa en 1874, instalara sobre o río Umia, moi preto do seu Caldas de Reis natal, a pioneira central hidroeléctrica de Galiza, a 'Central de Segad (en principio térmica) que funcionó como minicentral hidroeléctrica hasta 1952'.
Podemos apuntar que o proxecto da Canle non data desta primeira época xa que a turbina da central suministrábase pola forza da auga almacenada na presa que se levantou no río.
O problema de darlle máis caudal á hidroeléctrica de 'Pego-Negro' debeu preocupar dende a mesma posta en funcionamento da fábrica da lus. Moito máis a medida que a demanda das vilas de Gondomar, A Ramallosa e Baiona foi medrando. O caso é que, en 1918, Laureano Salgado decide darlle máis altura a presa de auga 'que da servicio a dicha Central de «Pego-Negro», «Pegonegro», que das dúas formas o escribe Laureano Salgado no mesmo texto. A situación agudízase co 'extraordinario estiage que se sintió en el último año'.
As obras de 'peralte de la presa', e as cada vez máis horas de embalsamento das augas do río, atopáronse coa oposición veciñal, por escrito, dende o 19 de octubro de 1918. A reclamación do día 12 de abril, pedindo se denegue a autorización de elevar a presa de «Pego Negro», vai asinada por Vicente Acuña e 67 sinaturas máis doutros veciños e veciñas das parroquias de Chaín, Gondomar, Mañufe e Vilaza.
Todo parece indicar que a obra para aumentar a capacidade da presa rematouse en 1923, xa que ese ano se renova a concesión municipal de Gondomar para a iluminación pública da vila de Gondomar. A ledicia, por causas que descoñecemos, non lle durou moito o industrial de Caldas de Reis, xa que só seis anos despois perde a Central do Pego-Negro.
Ó noso entender, a construción da cavidade artificial do Pegho Neghro dataríase entre 1929 e 1936, ano en que se edita a Geografía del Reino de Galicia dirixida por Carreras Y Candi que, textualmente di:
'[VILAZA] (...) hay fábricas de sierras y molinos de azufre y harina y una fábrica de electricidad que proporcionó alumbrado a Gondomar y otras parroquias, dejando de trabajar por no tener bastante potencia (...)'
Os arquivos da 'Sociedad General Gallega de Electricidad' poderíannolo clarear, se souberamos onde consultalos. Por fortuna, a memoria colectiva non ten cancelas.
Vai sendo hora de desvelar que o tunel inconcluso do Pego Negro remataba nun Pozo de Pedra desaparecido fai anos cando se ampliou por vez primeira a estrada Gondomar-Vincios. Este pozo, ou pozos (segundo sigamos quen os nomee) eran similares ó cubo dun muíño hidráulico dos moitos que hai no país. Só que caía logo de máis de 150 metros de canle soterrada (a cova feita baixo o monte) e un tramo final entubado de 50 m cun forte desnivel.
En canto ó proceso de naturalización da cavidade, destacar a existencia de espeleotemas de caolín e agrupacións de raíces e que, aínda sen ser esta unha mina de auga, a cova capta algún pequeno manancial polo que non é dificil encontrarse cuns centímetros de auga ó longo da galería (entre 10 e 40 cm de fondo), o que ten posibilitado a existencia de distintas poboacións animais: salamántigas, tritóns, arácnidos, etc. compartindo o túnel cos morcegos, etc.

GARCÍA GARCÍA, Miguel & COSTAS GOBERNA, José Bernardino. Cavidades artificiais. En: Clube Espeleolóxico Maúxo. As covas de Vincios. Comunidade de Montes Veniñais en Man Común de Vincios. Vigo: 2005. p. 89-94
Cartografías