Bosque Atlántico

Bosque Atlántico / Cartografías Sensibles

Detalles do proxecto

Vincios conta cun espazo natural que destaca polas diferentes unidades de vexetación que conforman hábitats de interese comunitario incluídos no Anexo I da directiva 92/43/CEE

Atopamos un tipo de hábitat, representativo do que puido ser o bosque atlántico, de maneira illada, en zonas moi concretas ao longo de toda a superficie ocupada pola Comunidade de Montes de Vincios, sobre todo preto de solos húmidos. Son vestixios do que no pasado ocupou a masa boscosa de carballeira (Quercusrobur) e que actualmente acompaña ao bosque de ribeira.

FLORA:

Neste medio a flora medra asociada á árbore predominante, o carballo, formando un bosque caducifolio asociado a arbustos como o rusco (Ruscus aculeatus). Ademáis, abundan as especies leñosas como a sobreira (Quercus suber), castiñeiro (Castanea sativa), herba salgueira (Lonicera periclimenum), abeleira (Corylus avellana), pereira brava (Pyrus cordata), areiras (Hedera ibérnica) e fentos (Pteridium aquilinum, Dryopteris affinis e Polypodium vulgare).
Tamén podemos atopar un tipo de freixo propio de zonas mediterráneas (Fraxinus ornus)

FAUNA:

Neste ambiente podemos atopar grande variedade de paseriformes(aves de pequeno tamaño), dende os máis comúns como o ferreiriño común (Parus caeruleus), o pimpín (Fringilla coelebs), o verderolo común (Carduelis chloris), o xirín (Serinus serinus), o paporrubio (Erithacus rubecula), a papuxa das amoras(Sylvia atricapilla), picafollas musical (Phylloscopus trochilus), o carrizo (Troglodites troglodites), o gaio (Garrulus glandarius) e moitísimos máis... Ademáistamén podemos atopar o sapo común (Bufo bufo), o sapiño pinto (Discoglossus galganoi), a píntega (Salamandra salamandra), o pintafontes común (Lissotriton boscai), etc... en zonas como pozas ou charcas. Tamén os mamíferos atopan espazo neste hátitat, como os morcegos (Pipistrellus pipistrellus e Myotis myotis), o teixugo (Melesmeles), a raposa (Vulpes vulpes), a denosiña (Mustela nivalis), a garduña (Martes foina) o ourizo cacho (Erinaceus europaeus) e a toupa (Talpa occidentalis). Entre os insectos, destacar a presenza da vacaloura (Lucanus cervus).

Pérez, Paula. O medio natural. En: Guía multifuncional de Vincios. Comunidade de Montes Veniñais en Man Común de Vincios. Vigo: 2012. p.5 - 58

Fonte das imaxes: Afonso Rodríguez Rodríguez

Cartografías