A Becha

A Becha / Cartografías Sensibles

Detalles do proxecto

'A Becha' era unha serpe de tran tamaño e vivía na cova que agora leva o seu nome. Os vecinos facíanlle ofrendas para que non devorase as ovellas e cabras que pacían na serra.
Nas cotas máis altas do Galiñeiro existe unha cavidade cunha ampla boca como entrada. Os viciños das freguesías de Vincios e Zamáns coñécenna como Cova da Becha, Ighlesia da Becha, Pedra da Becha ou Coto da Becha. A carón seu esténdese unha pequena e alta chan: a enigmática Chan da Becha. Pero entón, quen era a tal becha?
Pouca información puidemos recoller sobre ela, apenas uns poucos testemuños bibliográficos e escasas referencias na tradición oral; a súa memoria está xa mui esvaída. Tratábase, en todo caso, dunha serpe ou becha de grande tamaño; ás veces era nomeada como serpienta, forma esta que resalta as dimensións do réptil. Un viciño de Zamáns viuna nunha ocasión, asegurando que o seu grosor era o da perna dun home.
No tempo da parideira das cabras a becha mamaba do leite delas, de xeito que os cabritos ficaban cativos por falta de alimento. Nun artigo publicado en imprensa, X. L. Méndez Ferrín revélanos, ademais, que a grande serpe devoraba as ovellas e as cabras que pacían na serra.
Os viciños de Zamáns coñecían o modo de aplacala: deixaban á porta da súa cova unha cunca de leite alá polo mes de abril, cando paren as cabras. Aínda hoxe, no lugar de Vilaverde, os viciños lembran o antigo costume de lle subir á becha unha botella de leite, leite que deitaban nunha cunca que deixaban á porta da súa casa. Sabían que, deste xeito, as bechas “están fartas e non baixan”. Outro xeito de conter a súa voracidade consistía en entregarlle como presente o mellor año ou cabrito do rabaño familiar, para deste xeito poderen conservar o resto dos animais da casa. Así se facía hai tempo no Casal do Abade.
Méndez Ferrín tamén nos achega máis información sobre as oferendas na Cova da Becha: ademais de leite fresco, deixaban tamén velas acesas, dato este que probaría a existencia dun antigo culto ofiolátrico. Engade o mesmo autor que no nadal de 1994 apareceron na cova diversos obxectos, tais como unha cunca con restos de leite, candelexas de aceite e mariposas. En xaneiro de 1995 membros do Colectivo Espeleolóxico Maúxo confirman os feitos publicitados por Méndez Ferrín.
Non pensamos que estas últimas oferendas foran realizadas por viciños da zona, xa que as persoas consultadas falan do culto á becha como algo que xa forma parte do pasado.
As grandes serpes adoitaban estar mui relacionadas coa agua: nela habitaban, ou cando menos bebían dela. Non sabemos onde baixaba a acougar a súa sede a becha do Galiñeiro; quizais a algún dos “ollos de mar” da serra, talvez ao do Campo Redondo. Si sabemos doutra serpe que adoitaba asollarse no alto dos Cabreiros, perto do lugar da Atalaia. Cando castigaba o vento norte e lle entraba a sede, mordía a ponta do rabo e baixaba rolando até o río Zamáns, como facía a serpe mítica Ouroboros.
Unha informante díxonos que a becha tiña unha “cuncha” na cabeza. É posíbel que se referira ás grandes escamas a xeito de placas que os ofidios apresentan na testa.
De ser así, talvez se tratase dun testemuño que incide nas grandes dimensións da serpe e no avanzado da súa idade. Sen embargo, tamén temos que dicer que a becha do Galiñeiro semella que non chegou a alcanzar o extraordinario tamaño doutras grandes serpes das nosas lendas tradicionais. Proba disto é que nunca se escoitou que consumira gado maior, e muito menos persoas. A carga que supuña a súa presenza non era seguramente tan gravosa como noutros casos, e quizais por iso os viciños non se preocuparon (que saibamos) de buscar a maneira de eliminala.
Outra informante, viciña esta de Vilas, proporciónanos outro interesante dato sobre a cobra: na Cova da Becha “disque aparecía unha serpienta cantando”. Neste caso, consideraríamos a becha como a forma animal que adoptaría unha muller sobrenatural, quizais a mesma Vella, da que falaremos máis adiante.
Isto último non sería nada raro: o motivo do ser máxico de xénero feminino que adopta a aparencia dunha cobra está moi documentado: é o caso da serpa ou moura galega (como a moura da Fraga, que trataremos logo), das xanas astures, das moras castellano-leonesas, das encantades catalás ou da mesma deusa Mari de Euskal-Herría.
Fóra do ámbito peninsular, encontrámonos coa mesma transformación nas lendas que xiran en torno á figura da fada gaulesa Melusine.
Sería a becha do Galiñeiro unha manifestación dunha antiga deusa relacionada coa terra? É unha posibilidade.
Ora ben, cando falamos sobre serpes de grandes dimensións, a cuestión do xénero non está ás veces nada clara, e serpes femia confúndense e aparéanse con serpes macho, como de feito sucede na mitoloxía basca.
O que si sabemos é que as serpes xigantes acostumaban morar en covas situadas no cume dos montes galegos. Estes montes adoitaban tomar precisamente a denominación de “Cova da Serpe”; cotos con este nome encontrámolos en Friol, Vilalba e Carballedo. Tamén no castro de Troña e no Pico Sagro habitaban grandes cobras.

RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Afonso. A memoria da pedra. Lendas do monte Galiñeiro. En: Clube Espeleolóxico Maúxo. As covas de Vincios. Comunidade de Montes Veniñais en Man Común de Vincios. Vigo: 2005. p. 136-137

“A Lenda da Coca (O Conto da Becha).
Os dragóns en galego noméanse en xénero femenino; son chamados A Becha, A Bicha ou A Coca, a aparecen descritas como serpes que cando se fan vellas lles nacen ás e se lles hincha o bandullo. Unha destas bechas vivíu fai moitos anos na falda do monte Galiñeiro, na que cae de cara a onde hoxe está o embalse de Zamáns. A súa morada fixeraa nunha cova que se encontra entre os cumios do Galiñeiro Norte (As Ghallas) e o cume central (A Botella), e que se coñece normalmente como Cova da Becha, ainda hoxe en día.
Daquelas, os veciños de Zamáns, e sobre todo os do barrio da Casal de Abade, queixábanse de que os seus xatos, cordeiros e cabritos non lle medraban coma os das demáis parroquias, criábanselles enclenques, e deron por matinar que era por culpa da Becha, que lles viña a mamar aos ubres das nais.
Así foi coma as ordes dun cacique acordaron un día que tiñan que desfacerse daquela Becha, xa que matala lles parecía cousa imposivel, dado que para eles as Bechas eran inmortais.
Alá se xuntaron tódolos parroquiáns pola semana santa, e con teas prendidas e toda clase de artiluxios para facer canto máis ruído mellor, conseguiron asusta-la Becha que fuxíu cara Puxeiros. Os veciños seguírona para que fose o máis lonxe posible.
Chegaron tras ela ata os montes da Madroa, cerca de Trasmañó, e alí perdéronlle a pista. Entón acordaron deixar uns vixías no mais alto do monte para que avisaran por si acaso volvía. A este monte seguimos chamándolle O Vixiador.
A Becha, Bicha ou Coca chegara a Redondela, pero de tan vella e sin comer nin beber polo acosamento a que a someteran, estaba que daba pena. Foi entón cando por pura casualidade a encontrou Xan Carallás, que apiadándose dela deulle de comer e de beber, mais a Becha, a probe, só lle probóu auga, non foi capaz de tomar cousa algunha, e así pola súa vellez e a tristura polo seu desterro non aguantou máis e morreu xustamente un xoves, o día de Corpus.
Aquel ano, os de Redondela tiveron a mellor colleita de todas, patacas, millo, viño, repolos, frutas e de todo que da terra neceu san e con fartura. Ata aos mariñeiros lles viñan os peixes a bordo sen ter que usar ningún aparello.
Foi un ano farturento que os de Redondela dende aquela polo Corpus, fanlle a afamada festa da Coca.
En Zamáns pasou xustamente o contrario. As poucas patacas que naceran coméronas os ratos, o pouco millo para os merlos, as hortas secaron e o viño avinagróuse. Foi un ano de fame.
Ao ano seguinte e para que a Becha non lle seguira mandando a mala sorte, escomenzaron a levarlle á súa cova toda clase de presentes, e sobre todo leite freco e candelexas encendidas. De tal forma se asemellaban as ofrendas á Becha nesta cova, ás feitas á mesma Virxe dos Aflixidos, que a cova pasóu a ser unha especie de santuario, pasando a chamarse Igrexa da Becha, que é como a nomean ainda hoxe os veceños de Zamáns.
Pepiño Costas Acuña. Facilitado polo autor en setembro de 2005. Ref. http://trevinca.net/nososmontes.htm

“(…) Ao Sul das Gallas, e antes da Botella, abre as súas fauces unha cova, que inmediatamente nos lembra o 'formidable de la tierra/ bostezo el melancólico vacío' do Polifemo de Góngora. É coñecida na tradición das aldeas veciñas, como a Igrexa da Becha, pois nela habitaba unha enorme becha ou cobra que devoraba as ovellas e cabras que pacían o toxo molar das abas da serra. Para se liberaren do temíbel dragón, que ao mellor era unha muller chamada Melusina, como no relato medieval, os pastores depositaban na cova oferendas de leite fresco e velas acendidas cuxa chama significaba culto e adoración relixiosa. Desde lonxe, desde o pé do Coto do Mediodía, por exemplo, o penedo que cobre a Igrexa da Becha parece ter a forma dunha enorme serpe, irmá, segundo parece, da que habitaba na sima do Pico Sagro. (...) Un grupo de mozos excursionistas acábame de informar de que, estes días de vacacións, acharon no interior da cova unha cunca con restos de leite e unhas candalexas de aceite na que flotaban mariposas apagadas. Signo inequívoco de que o culto á serpente está a ser restaurado tras tantos séculos de cristianismo e de que aquel lugar volve ser de novo santuario: a Igrexa da Becha. (...)'
Xose Lois MÉNDEZ FERRÍN, 'Misterios do Monte Galiñeiro' Faro de Vigo. 30-12-1994, p. 2

'Así motivados voltamos nós á Cova da Becha o 15 de xaneiro de 1995, podendo comprobar como, nunha repisa do interior da cova, atopábanse os restos en cuestión. Ademais, observamos aquel día leite vertido nunha das pías naturais do exterior. O 29 do mesmo mes atopamos xunto ós cirios: unha candea branca, sen uso e que antes non estaba, mentres que a cunquiña branca estaba agora esnaquizada no chan da galería. Hoxe, e a diferencia do escrito no seu día, sospeitamos co visto naquelas datas foi máis un folclorismo postmoderno que propiamente unha pervivencia do rito tradicional'.

C.E. Maúxo 'Algunhas Cavidades Naturais da Serra do Galiñeiro', Revista de Estudios Miñoranos nº 3, REM, Instituto de Estudios Miñoranos, Nigrán-Gondomar, 2003

 
Cartografías