O Penedo das Pías

Detalles do proxecto




Arruídos Darriba, Abrigheiro do Monte dos Arruídos
En realidade, máis que ante unha cova, estamos ante un frente lixeiramente extraplomado que se orixinou na base dunha estrutura pseudo-acastelada formada sobre un bloco residual da chaira. Parte da estrutura foi destruída por facer pedra para canteiría. Con todo, como o bloco está afectado lonxitudinalmente por varias discontinuidades N30°E con forte buzamento, os traballos de extracción da pedra provocaron a fisuración da masa principal do bloco inutilizándoo. A parte comida do cotarro aproveitouse.
FORMAS DE ALTERACIÓN
A parte superior do penedo presenta varias pías. A maior ten un diámetro medio de 180 cm, cunha profundidade de 30-40 mm. Tódalas formas de alteración orixinadas sobre o lombo do penedo están afectadas (asociadas) coa fractura principal N30°E que ten favorecido a formación de executorios e drenaxes que destrúen as pías.
ARQUEOLOXÍA
Na base do bloque, no que queda do abeiro, hai un grupo de Muíños Rupestres (Fdez. Pintos, Xulio, 1987, 1993: 75-95), bases de moer ou durmintes de moenda manual, prehistóricos, feitos normalmente sobre a superficie das laxes graníticas ó aire libre onde, ademais, acostuma haber gravados petroglifos, de coviñas e sobre todo de combinacións circulares, motivos non funcionais posteriores ó uso das piletas de moer.
Estamos ante un caso dos raros e representativos exemplos que se conservan de cavidades graníticas con muíños prehistóricos deste tipo: Coto da Moura (Chaín, Gondomar), Outeiro das Campanas (Camos, Nigrán), Peneites (Chandebrito, Nigrán), A Lapeira de Mesadouro (Aldán, Cangas)... O lugar linda polo mediodía co campo de mámoas do Monte dos Arruídos, ou da Laghoa dos Bromús como tamén se lle chama.
VAQUEIRO RODRÍGUEZ, Marcos e GROBA GONZÁLEZ, Xavier. Catálogo de cavidades naturais. En: Clube Espeleolóxico Maúxo. As covas de Vincios. Comunidade de Montes Veniñais en Man Común de Vincios. Vigo: 2005. p. 40-42