A Casa do Demo

Detalles do proxecto




A Cova do Demo, A Cova da Moura (Zamáns)
A cova comenza nun cono de captación das augas. Unha estrutura de bloques e núcleos residuais moi compactados e escalonados (mesmo con vexetación por riba), que determinan unha zona de absorción e circulación difusa do río. A estrutura de bloques drena o curso fluvial normal, e só cando a corrente baixa torrencialmente dase lugar a unha pequena fervenza a favor do escalonamento. Chégase así á sala principal, a estancia, de considerable altura que está formada pola acumulación de bloques caídos sobre o curso de auga. O piso é practicamente plano e está formado por bloques menores xunto con limos arenosos e orgánicos; ten comunicación directa co exterior.
No salón principal temos galerías laterais que progresan entre bloques fragmentados amparados contra laterais de rocha contínua. A estrutura de caos de bloques queda patente na extrema da galería ó penetrar baixo a zona de absorción. Finalmente, a zona de surxencia caracterízase aquí por dous grandes bloques que teñen favorecido a estrangulación do curso fluvial e a consecuente colmatación da sala principal. A estrutura exterior mostra como o sistema se orixinou nun chanzo da ladeira, de dirección N30°E, favorecido pola acción remontante da doira.
Destaca-lo zapamento perimetral do escarpe principal.
VAQUEIRO RODRÍGUEZ, Marcos e GROBA GONZÁLEZ, Xavier. Catálogo de cavidades naturais. En: Clube Espeleolóxico Maúxo. As covas de Vincios. Comunidade de Montes Veniñais en Man Común de Vincios. Vigo: 2005. p. 34-37