A Pedra da Moura

A Pedra da Moura / Cartografías Sensibles

Detalles do proxecto

Os veciños da Fraga podían ver ás veces unha muller loira 'toda chea de ouro' peitearse sobre un penedo.
Sobre o Casal da Fraga existía un grande penedo que chamaban a Pedra da Moura. Baixo este penedo agorgullaba un manancial que, por suposto, baptizaron como Fonte da Moura. Ao raiar o sol, os viciños e viciñas daqueles tempos observaban ás veces sobre o penedo unha muller loira a peitearse.
Disque se trataba dunha muller que fora encantada na pedra, baixo a cal gardaba un fabuloso tesouro.
Dunha volta, unha rapariga conducía o rabaño do lugar a pastar ao monte, cando viu na Pedra da Moura unha muller “toda chea de ouro”: cadeas, pulseiras, brincos de ouro... o seu pelo ía prendido por unha peineta tamén de ouro. A nena tomou medo, arrepiouse toda e fuxiu.
Pasou o tempo. A nena foi moza e foi muller; tivo unha filla. A filla tamén medrou e fíxose muller, dándolle á primeira unha neta. A neta, así que se fixo grande, deu a luz outra nena.
De xeito que, se non me confundín polo camiño, foi unha bisneta da primeira muller quen, sendo tamén rapariga, volveu ver a dona da Pedra da Moura. Mais desta vez na forma dunha serpe, unha serpe enorme. A nena colleu medo. A serpe bufoulle ameazante, e logo introduciuse baixo o penedo. Mais... por onde? “Buraco non había”.
Entre a primeira e a segunda aparición transcorreran cen anos. Os viciños chegaron á conclusión de que alí residía un “encanto” que “de cen en cen anos, sale a asollarse”. Noutra ocasión, andaba unha moza polo monte cando sorprendeu na Pedra da Moura a unha “mullerciña vella a peinarse, mui bonita”. A muller díxolle á rapaza:
- “Neniña, mira, vai a casa, que están a cocer, e que me faghan un bulisco!”
Na casa da moza, efectivamente, estaban a cocer pan. En canto chegou, relatoulle á familia o seu encontro coa vella. Os pais deron o seu consentimento, e a rapaza volveu onda a muller cun bulisco quente.
A vella continuaba no mesmo lugar, e sen agardar máis comeu o pan que a rapaza lle deu. Cando a moza xa marchaba, a muller arrancou un terrón do chan e díxolle:
- “Toma, lévao! Que o metan dentro dunha arca. E hasta o ano que non o abran, que xa vos pagho todo.”
A rapaza volveu para casa e contou aos pais todo canto lle acontecera. Acordaron pechar o terrón nunha ucha, e tal como acordaron así fixeron.
Medio ano máis tarde, algunhas das mulleres da casa comezaran a perder a paciencia, comestas pola curiosidade:
- “(...) Vamos a mirar, vamos a ver que hai!”
Outras non estaban dacordo:
- “Non abrimos, que aínda non hai o ano!”
Mais tanto porfiaron e porfiaron, que ao final abriron a arca, e encontráronse con media ucha cheíña de ouro. Pouco durou, sen embargo, a visión do tesouro, pois por teren levantado a tapa antes de tempo “empezou a consumirse (...), desfíxose todo (...)”. Así foi como a fortuna se lles foi por entre os dedos das mans por culpa da curiosidade.
“...e chámanlle a Pedra da Moura. Iso si que é verdá...!”

RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Afonso. A memoria da pedra. Lendas do monte Galiñeiro. En: Clube Espeleolóxico Maúxo. As covas de Vincios. Comunidade de Montes Veniñais en Man Común de Vincios. Vigo: 2005. p. 154-155
Cartografías