O Coto Furado

O Coto Furado / Cartografías Sensibles

Detalles do proxecto

Lugar entre Vincios e Chaín onde existía una mina con tesouros
O Coto Furado ou Coto da Moura semella que serviu de divisoria natural entre as freguesías de Vincios e Chaín.
Dicíase que desde alí até o Coto do Morxón existía unha “mina dos mouros”, e que no seu interior había dúas barricas: unha de ouro e outra de veneno. Polo que puidera acontecer, ninguén se atreveu a cavar nela:

Desde o Coto do Morxón
Hasta o Coto Furado
Hai máis ouro e plata
Que vale toda España

Dunha vez, chegaron ao Galiñeiro uns mouros á procura do Coto Furado. Primeiramente preguntaron en Vilas e Prado. Os viciños daqueles lugares mandáronnos para abaixo. Perdidos, andaban os encantos ás voltas en busca do penedo, de modo que acordaron pediren axuda aos de Chaín. Un home daquela freguesía prestouse a conducilos até a pedra. Os homes abriron un libro que eles traían e recitaron un conxuro. Entón o penedo abriuse, e do interior comezaron a saír unha chea de cornos. Os mouros ofereceron algúns ao viciño:
- “Colla usté!”
Respondeulles que cornos el non quería, mais eles teimaron:
- “Pois mire: leve usté catro cornos, e poña un en cada esquina da casa”.
El non sabía para que demos ía pór en cada esquina da casa seu corno, mais colleu e levounos consigo. Cando por fin chegou ao fogar non lles fixo caso nengún: botounos enriba do forno e aí os deixou quedar.
Pasado un tempo, estaban un día a cocer pan cando repararon nos cornos, pois o interior deles estaba a “relumbrar”:
- “Pero que pasa aí?”
O home colleu un dos cornos, abriuno, e resultou que estaba cheo de moedas de ouro. Volveron entón ao Coto Furado, mais do tesouro aquel xa non restaba nada.
RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Afonso. A memoria da pedra. Lendas do monte Galiñeiro. En: Clube Espeleolóxico Maúxo. As covas de Vincios. Comunidade de Montes Veniñais en Man Común de Vincios. Vigo: 2005. p. 144
Cartografías