Fortaleza do Galiñeiro
Detalles do proxecto
No Galiñeiro de Vincios, no alto e aillado cumio norte desta serra, tamén coñecido dende Zamáns como As Ghallas, Gallas ou Jallas, localízanse as ruínas dunha fortaleza medieval que tamén é chamada 'Castro do Galiñeiro'. No interior do recinto fortificado destacan dúas pequenas cavidades naturais O Forno e 'O Abrigheiro do Coto da Cerradura' que se sabe foron usadas como refuxios na prehistoria, tal e como se achega no oportuno capítulo deste libro. Por fóra da muralla occidental, inmediata a ela, encóntrase a cova d'As Ghallas.
O afastado do lugar fai que non se dispoña de moita información escrita sobre esta fortaleza. Han ser os montañeiros vigueses da década de 1950 os que dean novas sobre a existencia no Galiñeiro de 'restos de antiquísima muralla, vestigios de nuestros primeros antepasados, aunque no se puede atestiguar en firme su verdadera procedencia'.
Anos despois, entre 1970 e 1971, un daqueles pioneiros do 'Club Montañeros Celtas', Antonio Veiga, asesorado por J. Mª Álvarez Blázquez, levou adiante un 'Proxecto de Excavación' que involucrara un nutrido grupo de voluntarios do citado clube.Como recoñece Veiga, aqueles traballos non poideron definir a época de ocupación do poboado. Con todo, interesa lembrar que unha das cinco estruturas identificadas dentro do recinto fortificado fora interpretada por Álvarez Blázquez como unha cista funeraria, mesmo fálase dunha machada votiva practicada en cuarcita, o que podería retrotraernos a tempos da Idade do Bronce. O dato semella confirmarse xa que dentro do Coto da Cerradura, atoparon daquela unha base de moer navicular móbil.
En canto a tipoloxía da cerámica atopada daquela, polo que conta Veiga, parece corresponder con cerámica castrexa pre-romana 'tipo indíxena'. Este dato contradí osabundantes anacos de tégula e de ánforas romanas que en 1983 documentaron aquí, en superficie, J. Mª Hidalgo e F. Javier Costas.
En calquera caso, hai que advertir que todos coincidimos en que o lugar non é un castro prototipo dos propios da Idade do Ferro galega, moito menos dos propios da romanización e que, ademais, esta fortaleza do Galiñeiro, independentemente de cando se date a súa construción, pouco foi usada. Con case total certeza, é seguro que se deron distintos e puntuais intres de uso, tanto posteriores á construción do recinto amurallado, como mesmo anteriores, aproveitando as condicións naturais da zona como refuxio humano.
Descoñecendo os resultados dos antes citados traballos, en 1987 estudiou Jaime Garrido esta fortaleza ofrecendo datos de moito interese, ainda non superados. Así, describe un grande 'recinto fortificado de altura de forma arriñonada cunhas medidas aproximadas E-O de 100 metros e N-S de 200 m, acollendo unha superficie total interior próxima ós 20.000 metros cadrados, dos que só serían útiles de aproveitamento para edificacións menos de 6.000 (un tercio do total), correspondendo o resto a superficies rochosas moi abruptas ou con fortes pendentes'.
A descripción que ofrece Garrido paga a pena seguila xa que o autor remarca como, contrariamente ó que sucede con outros castelos medievais, o interior do recinto é moi accidentado. Destacan os tramos da ciclópea muralla que pechaba o recinto e dúas construcións de pedra de planta rectangular (8'50 x 5´45 m e 6'30 x 2'40 mrespectivamente) ubicadas no interior do recinto fortificado, así como algún que outro discutible paso aberto artificialmente.
Coincidimos con Jaime Garrido en considerar clarificador a semellanza desta fortificación do Galiñeiro coa existente no monte Aloia. Téñase tamén en conta que ambas fortalezas, a de Vincios e a de Tui, se sitúan nas estremas norte e sur da serra do Galiñeiro, dominando dende o alto os vales do Miñor, do Fragoso, do Louro e do Miño. Ó respecto indicar que xa no século XI se consideraba que a fortaleza do Aloia era un lugar onde 'antigamente foi fundada unha cidade', identificada esta, por algúns autores, como o monte Medulio e, por outros, como o primitivo Tude. Con todo, no seu día, Ávila Y Lacueva indicaba que este d’As Ghallas era o correcto lugar para situar o castelo de Santelena; unha identificación que, queda explicado, resulta errónea:
'Así mismo en una elevadísima montaña nombrada del Gallinero en el Coto de Zamanes términos hoy en día de la parroquia de Sta. Marína de Vincios, existió otro castillo llamado de Santella, y también de Sentee [Santelena] (...) Hoy en día no persevera de esta fortaleza vestigios
algunos, aun qe. yo no subí á informarme del sitio pr. su mucha altura y falta de tiempo. Sin embargo de las diferentes veces y veces qe. tengo pasado pr. abajo de el.'
O historiador tudense sostén a súa tese en que a doazón de Fernando IV de 1295, xa vista, menciona 'el castiello sobre dicho de Santiella con Çamaes, y con toda la otra tierra'. Que apareza mencionado Zamáns en relación co castelo de Santelena non supón que fose alí onde se encontrase o referido castelo. Samáns, única freguesía do exconcello de Lavadores, actual concello de Vigo, pertencente xeograficamente ó val
Miñor, está relativamente cercana a Santiella; como tamén o está a fronteira de Portugal, seguinte ponto de referencia xeográfico que, a continuación de Zamáns, se menciona no citado documento de finais do século XIII.
Ávila Y La Cueva sobrevalora pois o dato, e non repara en que o señorío solar do couto de Parada non comprendía Zamáns, nin Vincios, nin se decata tampouco da situación correcta do castelo de Santa Elena, deducible dos lindes do couto de Vilaza en 1106, etc. En concordancia, Ávila Y La Cueva non deixou escrito nada sobre o Coto dos Mouros, A Sidá ou Montecastelo, xa que non coñecia o sitio e, como xa explicamos, identifica erroneamente Santelena coas ruínas do Galiñeiro, lugar no que, ademais, La Cueva recoñece que nunca estivo.
A hipótese para nós máis acertada é que esta fortaleza foi, posiblemente, levantada en tempos altomedievais. Francisco Huerta Y Vega64 no século XVIII precisou que o Aloia fora fortificado no ano 766. A do Galiñeiro puido ter sido levantada tamén daquela. Como tamén podería ter sido construída séculos antes, cando a poboación galaicorromana se considera ameazada pola chegada dos Suevos.
Tampouco se pode descartar que fora ese mesmo pobo, asentado na Galiza nos século V e VI, quen realmente construira esta fortaleza do Galiñeiro ante as loitas coa coroa visigótica. Como xa indicamos, quédalle moito por facer á arqueoloxía para podermos clarificar a historia desta fortaleza, coidamos nós que de orixe remota.
GARCÍA GARCÍA, Miguel e COSTAS GOBERNA, José Bernardino. Cavidades artificiais. En: Clube Espeleolóxico Maúxo. As covas de Vincios. Comunidade de Montes Veniñais en Man Común de Vincios. Vigo: 2005. p. 85-89