A Expulsión dos Mouros

A Expulsión dos Mouros / Cartografías Sensibles

Detalles do proxecto

Historia de cando os mouros abandonaron o Galiñeiro deixando os seus tesouros enterrados
A convivencia dos nosos labregos cos mouros, como podemos comprobar, tiña os seus riscos. Ás veces, estes seres sentían que non eran correspondidos: non se gardaba un segredo, non se cumpría un pacto, actuábase movido pola codicia, etc. Entón castigaban o humano, ás veces cruelmente.
Ademais, a teimuda pervivencia no tempo de comunidades formadas por xentís, entes que non abrazaban o cristianismo, condenounos a unha feroz persecución por parte da igrexa católica, que seguiría o ronsel evanxelizador aberto a golpe de espada por santos e herois cristiáns.
Desta maneira, no Coto da Mó, situado a carón da Loma da Sorra (chamada tamén Galiñeiro de Gondomar), existe unha marca nunha pedra semellante á escorregadura da pata dun cabalo. Segundo unha tradición, é a pegada do cabalo branco de Santiago, que deixou cando chegou a estas terras para expulsar os mouros.
Segundo outras versións, non foi Santiago, senón un pequeno fato de viciños quen expulsou os mouros da serra. Idearan para iso unha ocorrente estratexia: prenderan unhas velas nos cornos dun bandizo dunhas duascentas cabras, con cadansúa campaíña pendurada do pescozo.
Unha noite, botaran a correr o rabaño infernal polo monte mentres berraban:

Faine foina, foina faine,
faine foina, foina faine!

Os mouros foron expulsados entón da serra:

“Adiós España, donde dejo mi morada,
donde quedan os ghalleghos,
tirando co ouro as cabras”.

Cóntase que naquel entón abandonaron o Galiñeiro, mais deixando enterrados os seus tesouros. O seu ouro e a súa prata ficaban submetidos a encantamento, de modo que só quen coñecera a forma de os desencantar tería a chave que permitiría acceder a eles. E iso, ás veces, acontecía...
RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Afonso. A memoria da pedra. Lendas do monte Galiñeiro. En: Clube Espeleolóxico Maúxo. As covas de Vincios. Comunidade de Montes Veniñais en Man Común de Vincios. Vigo: 2005. p. 142
Cartografías