O proxecto Vincios Verde xurde como resposta resiliente ante o lume de outubro do 2017 que arrasou o 81% do noso monte, e con el, o futuro económico e medioambiental dun monte que ata ese instante presentaba unha correcta xestión. Dende a Xunta Reitora tomouse unha actitude positiva ante este desastre entendendo a situación como unha oportunidade de debuxar dende cero o novo monte, atendendo ás necesidades sociais, medioambientales e económicas do futuro próximo.

O obxectivo principal do Proxecto Vincios Verde é a recuperación e posta en valor dunha terra afectada polo incendio, xerando emprego e riqueza no medio natural a través da rexeneración e posta en marcha de actividades vinculadas coa xestión sostible do monte.

Os tempos no monte son lentos, a natureza marca o ritmo, e tendo en conta eses tempos propoñemos actuacións que teñan retornos de xeito escalado atendendo á súa orixe. Debemos aprender a camiñar a eses ritmos.