Fonte: Clube Espeleolóxico Maúxo
Fonte: Clube Espeleolóxico Maúxo

Túnel da Pasax

Son no interior do túnel

Ao longo duns 2 km de percorrido soterrado, o túnel comunica a conca miñorana do río que baixa de Zamáns coa do val vigués de Fragoso.

Túnel para o abastecemento de auga á cidade de Vigo, en uso, pechado e de acceso restrinxido.
En Vincios, na Pasax, no machacado punto de cruces de “La Pasaje”, construíuse a presa de captación de augas e a entrada do túnel que de Vincios leva a Vigo. Ó longo duns 2 km de percorrido soterrado, o túnel comunica a conca miñorana do río que baixa de Zamáns coa tributaria do val vigués de Fragoso. A outra boca do túnel, a saída inferior da canle de augas, ubícase no lugar do Cabaleiro, do que non concretaremos máis por manter a cautela que se lle debe a este tipo de infraestruturas.
O proxecto de “abastecimiento general de Vigo” conseguíuno a corporación do concello vigués gracias “a la concesión del Estado [que] se obtuvo por Orden Ministerial del 20 de agosto de 1931″.
As obras escomenzaron en 1932 coa oposición dos concellos veciños a Vigo, daquela, os de Lavadores, Mos e Gondomar. A oposición ó trasvase de áuga non só a exercen as autoridades municipais dos tres concellos mencionados, senon que tiña no movemento veciñal mobilizado dende anos atrás o seu respaldo.
O túnel foi construído a barreno, e a pico e pala dende catro frentes distintos, todos en liña recta. Dende as respectivas bocas do túnel e dende un pozo central, sito na Ghándara, con algo máis de vinte metros de fondo. O pozo resultaba xa daquela perigoso de subir e baixar pola cansa e incómoda escaleiriña de chanzos de varilla de ferro que, moi deteriorada e máis perigosa aínda, ten incrustada na parede do pozo. Este pozo central durante as obras contou con “ascensor (…) cunha ghrua”. O entullo da obra sacouse pois por tres puntos distintos, pola grúa instalada no pozo e polas dúas bocas onde tiraba un cabaliño “chamado Pedro”. As obras non foron nada doadas, nen seguras para os seus traballadores.
Non sabemos cando entrou en servicio este túnel de augas a Vigo. O caso e que o trasvase hidrolóxico da conca do val Miñor á cidade de Vigo potenciouse a principios da década de 1950 coa construción do embalse de Zamáns. Hoxe as augas chegan maioritariamente a Vigo dende o norte, do Oitaven, de Eiras, e as augas que ata fai 75 anos cursaran sempre as terras de Vincios, e logo río abaixo polo Miñor, suministran ainda hoxe á cidade de Vigo e o Val Miñor, que recupera pagando o que ó estado concedeu á cidade.
Actualmente o túnel está en uso e relativo bó estado de conservación. Trátase dunha ampla galería de preto de 2 km de longo cunha altura constante entre 1’75 m e 1’90 m, tendo un ancho regular de 1’70 m, todo cun forxado de formigón. A agua do trasvase vai por unha canaleta de 70 cm de alto que ocupa o lado oriental da galería.
Mide de ancho 80 cm dos que o espacio de conducción de augas ocupa 46 cm. O resto corresponde ó muro de formigón que delimita a canle. Este muro conta ademais cunha serie de contrafortes, feitos tamén en formigón, que reforzan a canle.
Paralela á vía de auga trasvasada, existe unha segunda canle tapada por losetas de formigón e que vai baixo do chan como sumidoiro.
Como xa advertimos antes, as cavidades artificiais, unha vez construídas, collen vida propia e compórtanse como as covas naturais. Neste caso destacan as formas espeleotemáticas (estalactitas, estalagmitas, columnas e coladas) de carbonato de calcio, propio da compoñente caliza do formigón que se poden ver en distintos tramos do túnel.

GARCÍA GARCÍA, Miguel & COSTAS GOBERNA, José Bernardino. Cavidades artificiais. En: Clube Espeleolóxico Maúxo. As covas de Vincios. Comunidade de Montes Veniñais en Man Común de Vincios. Vigo: 2005. p. 85-89

 

Testimonies

(1)Testemuña: Domingos Lorenzo e Manuel
Figueroa, de 81 e 80 anos respectivamente:
"[P]: -Protestaban porque nos levaran a aghua. Porque nós, todo isto ¡(....) isto aquí reghaba dalí, d'água de Zamáns; viñamos carretillar ághua arriba da Pasax [D]: - E o desviala co tunel, deixa sin aghua toda.
[P]: -Claro, home, e deixou todo isto sin aghua, claro. E Xián, e Salgheiro quedou, todo, iso
todo sin aghua. Nós, había aquí unha tomada que cheghaba aquí ó cementerio de Vincios, que botábamos tod'o día p'a cheghar a alá, arriba da, ond'está a ghasolinera; arriba, un pouco, colliámola ághua nós p'aqui, p'a reghar todo iso.
[A]: ¿E despois desviaron todo p'alá?
[P]: - Iso foi todo p'arriba, claro, todo, ahí. Pero paghar, pagharon (A093) Iso os veciños protestaron, os veciños protestaron pero non hubo protestas porque unha cousa tal, e pagharon as ághuas, pagáronse... Unha miseria que deron... non, non pagharon o terreno... (...) pagharon pouco (A103)."

COVELO, Alberto & GROBA, Xavier "Entrevista con Manuel Figueroa Riveiro, «O Pinche», [P] de 85 anos, e con Domingos Lorenzo Troncoso, de 86 anos [D], veciños da Serra, Vincios. Ref. CEM 24/03/05, Trans. Groba, cinta única, cara A (075-094).

(2) Testemuña: Manuel Figueroa Riveiro falaba en 2005 sobre a construción do túnel no ano 1935, cando tiña 15 anos e entrara a traballar de «Pinche» na obra:
"Foi antes do 36. Teño 85 [nacido en 1920]. Porque despois cando veu o 36 e se formou a gherra, foi ouvido que che andaban en huelghas, que che andaban en tal, e foi cando pararon as obras que era un encarghado un portughés. Foi cando escapou, [o portughés] marchou porque viñeron gherras, no monte reventaron huelghas, ahí, non sei que pasou ahí. Foi antes da gherra, despois parou, estallou a gherra e parou todo. [Canto tempo parou] non sei porque despois marchei á gherra. (...) Cando vin xa estaba o túnel feito. Non traballaba pero estaba feito."

Ref cit. 6, cinta CEM 24/03/05 cara A(005-020).

"[P]: Eu traballei alí, coas vaghonetas tamén, traballei a levar a ferramenta d'alí a Cabaleiro, ond'estaba o polvorín, entonses estaba no Cabaleiro alá ond'a casa d'O Caghallo...

(3) Testemuña: Manuel Figueroa Riveiro
"Alí, aínda traballou xente. A xente que traballaba a furar o túnel eran catro por frente. O barrenista máis tres a pico e pala. O ingheniero viñera de Madrí. O túnel vai todo de formighón. Primeiro encofrouse todo de madeira e logo encheuse. A galería vai toda de formighón e ten unha canaleta alta, a vía por onde vai a augha á vista.
E morreron varios si, eh. Home, unha ves indo m’eu, ali coa vaghoneta (...) cun cabalicho destes pequenos, era cando viña traer esas forghonetas e cando viña, miro así na porta do túnel, porque estando alá, frente alá ó campo de futbol por alá, o túnel de alá adentro ven así, un buraquiño eh, (...) fíghate que hai unha distancia, eh? Desde o poso (...) cando salías d'alí eh, mirabas un buraquiño así pequeniño dende alá (...) E vin así, sui, unha sombra; e xa me den conta [afundimento parcial do túnel]. Ahí había dous compresores a dar aire, un rechasaba fóra e outro daba p'a dentro. Había un compresor á porta, así ghrande, eh, pero non lle pasou nada. Enseghida salín eu, chamén á xente... Naquela non morrera ningún, salváronse todos, pero alí morreu xente, muita. E morreron muitos despois, oh! do polvo (...) dalí, qu'eu sepe, vivo eu só, dos que traballamos alí (A125) morreu muita xente, aí pr'a Valadares, si. Pois dos Coellos traballaron alí, Domingos, o vello, traballaron muitos alí, «O Serra» o home (...) tamén, muitos portugheses. Qu'eu coneza, eu a min chámanme «Pinche»; non me chames Manuel, por Manuel non me conoce nadie. Quedou o nombre, e sigho co nombre. Había o da Gharrida que morreu, eramos os dous pinches (...) chamábanll'ós... hoxe chámanlle nenos, non? O rapás ou neno."

Acerca de cartografías sensibles

Cartografías Sensibles é un proxecto que aposta pola defensa e a posta en valor do patrimonio da parroquia de Vincios e da Serra do Galiñeiro.

Trátase dunha achega virtual a unha realidade territorial rica e complexa a través de mapas que nos fan descubrir historias, topónimos, muíños, covas, penedos, xacementos arqueolóxicos, lendas, músicas e tantos outros elementos que configuran a identidade deste lugar.

A Comunidade de Montes de Vincios leva anos promovendo a multifuncionalidade dun espazo vivo, con infinidade de posibilidades tanto productivas como ambientais ou de lecer. Unha contorna especial na que conviven os usos dos recursos naturais coa paixón pola natureza en todas as súas formas e actividades, así como coa conservación das tradicións, dos valores naturais e do patrimonio cultural.

Axenda de Eventos

No hay eventos programados.

View Calendar

Contacta con nós

O teu nome (requerido)

O teu email (requerido)

Asunto

Mensaxe

Acepto a Política de Privacidade