cartografias_sensibles_vincios_gondomar_comunidade_asociacion_plataforma2

Plataforma pola Protección da Serra do Galiñeiro

A plataforma conta actualmente co respaldo de 40 colectivos
serragalinheiro.wordpress.com

Quén somos?

Catorce colectivos de diversa índole puxemos en marcha unha campaña conxunta para conseguir a protección da Serra do Galiñeiro e así conservar os seus diversos valores. Asociacións de veciños como a de Vincios ou a do Casco Vello de Vigo, asociacións de montañeiros como Montañeiros Celtas ou a Federación Galega de Montañismo, asociacións ecoloxistas como Adega, A Ría Non se Vende, A Groba, Plataforma pola defensa da ría de Vigo “Cíes”, Salvemos Monteferro, S.O.S. Groba ou Verdegaia, a Comunidade de Montes de Vincios, o Clube de espeleoloxía “O Maúxo” e o Instituto de Estudos Miñoranos están detrás desta iniciativa.

A Serra do Galiñeiro, lugar natural de encontro dos Concellos de Vigo, Gondomar, Mos, O Porriño e Tui, alberga numerosos valores ambientais, xeolóxicos, paisaxísticos, etnográficos, arqueolóxicos e sociais polo que as asociacións citadas pensamos que teñen que ser protexidos amparándose nas lexislacións europea, estatal, galega e municipal vixentes.
Solicitamos a protección da Serra do Galiñeiro porque queremos seguir tendo: Un referente paisaxístico para as bisbarras do Val Miñor, Vigo, A Louriña, Baixo Miño e O Morrazo, un rico patrimonio xeolóxico e hábitats que acollen flora e fauna de escasa presenza en Galicia. Queremos seguir disfrutando dos petróglifos e das mámoas, das numerosas cavidades existentes na Serra, que foron abrigueiro de pastores e canteiros, e do seu rico patrimonio inmaterial. Queremos continuar coa xestión de aproveitamento multifuncional que moitas Comunidades de Montes fan do Galiñeiro.

Toda a Serra ofrece numerosos servizos económicos, de lecer, deportivos e culturais nunha área tan densamente poboada como é a área metropolitana de Vigo, aos que temos que sumar os aspectos didácticos relacionados coas Ciencias Naturais e Sociais. O Galiñéiro abastece as traídas de augas da veciñanza de toda esta área e tamén acolle pastoreo de gando ceibe: cabalos, vacas, ovellas e cabras.

Denunciamos os Proxectos e actuacións altamente impactantes que destragan a Serra, impulsados por un desarrollismo que ignora as súas catastróficas actuacións: plantacións de especies foráneas como eucaliptos ou piñeiros, zonas inzadas de acacias, proliferación de canteiras, moitas delas ilegais, e outras sen a debida restauración. Presión de grandes infraestruturas como a construción de parques eólicos, estradas de circunvalación de áreas urbanas, son novas ameazas que se suman ao deterioro habitual de pistas e movementos de terra sen control, aos vertedoiros incontrolados de lixo e entullos, ao tránsito frecuente de motos de cross e quads fora dos camiños e incluso á acampada ilegal.

MANIFESTO
Manifestamos que a Serra do Galiñeiro, lugar natural de encontro dos Concellos de Vigo, Gondomar, Mos, O Porriño e Tui, é un lugar senlleiro polos seus valores naturais (xeolóxicos, biolóxicos, paisaxísticos), culturais (históricos, arqueolóxicos, etnográficos), sociais e económicos (actividades tradicionais que aproveitan de xeito sustentable e rendible os recursos do monte; actividades de lecer; deportes de natureza).

Consideramos que este espazo natural e os seus valores teñen que ser protexidos ao amparo das lexislacións europea, galega e municipal vixentes. A pesar dos convenios internacionais e das directivas europeas, Galicia só protexe (e de xeito ineficaz) o 11,6% do seu territorio (a media estatal é do 27%, Asturias protexe o 33 %, e Madrid o 40%). Por tal motivo, o noso país ten que enfrontar unha sanción da Unión Europea. A rede galega de espazos protexidos debe ser ampliada, e a Serra do Galiñeiro debe formar parte dela.

Denunciamos as actividades altamente impactantes que estragan a Serra, perseguindo a cega idea dun desenvolvemento ilimitado, e usando a natureza dun xeito irreponsable: a plantación masiva e a proliferación incontrolada de especies foráneas (eucaliptos, piñeiros e acacias), que reducen a biodiversidade e aumentan o risco de incendio; a proliferación de canteiras (moitas delas ilegais), o abandono de canteiras esgotadas sen a debida restauración; a apertura masiva de pistas, o seu ancheado e recrecemento con terra e entullo, o seu asfaltado; a práctica deportiva con vehículos a motor (todoterreos, motos de cross e quads) dentro e fora das pistas; os movementos incontrolados de terra; os vertedoiros incontrolados de lixo e entullo; a acampada ilegal;a destrución neglixente ou intencionada de patrimonio arqueolóxico. E agora están en proxecto grandes infraestruturas (un parque eólico; estradas de circunvalación urbana) e industrias de alto impacto (unha trituradora de entullo), que ameazan con degradar a Serra dun xeito xeralizado e irreversible.

Solicitamos a protección da Serra do Galiñeiro pola súa riqueza como espazo natural e cultural. A Serra é un ben natural, valioso en sí mesmo. Pero tamén é un ben común. A xeración actual debe preservala para as xeracións vindeiras e, con ela, debe conservar os seus valores:

· A súa morfoloxía: o seu modo e elevarse e a configuración das súas formacións rochosas, que fan dela un referente paisaxístico nas bisbarras do Val Miñor, Vigo, A Louriña, O Baixo Miño e O Morrazo.

· O seu rico patrimonio xeolóxico: as formacións de gneis de riebeckitanos cumes máis altos da Serra. Os seus valores tectónicos, únicos no mundo. As súas formacións xeomorfolóxicas, como A Cova da Becha, de orixe periglaciar, en Vincios, ou Os Milaghres da Trapa, nos Cabreiros. As súas cavidades, como as do monte dos Arruídos, en Vincios, ou A Lapa da Moura, en Vilas, Morgadáns.

· O seu rico patrimono biolóxico: hábitats de breixeiras húmidas, brañas, turbeiras e matogueiras de influencia mediterránea e termófilas con endemismos, algúns deles catalogados pola Directiva Europea 43/92/CEE, como “Hábitats Prioritarios”, (como as “Breixeiras húmidas atlánticas meridionais de Ericas“) ou “Hábitats de Interese Comunitario”, (como as “Breixeiras secas” e os “Pastos pioneiros en superficies rochosas”). A Serra acubilla fauna de escasa presenza en Galiza, coma a azulenta papuda, e endemismos coma a saramaganta (Chioglossa lusitanica), e a rá patilonga. Tamén acubilla avifauna migratoria, como o picanzo real ou o pedreiro cincento. A ampliación da superficie protexida do Parque Natural do Monte Aloia a toda a Serra do Galiñeiro garantiría a continuidade dos ecosistemas imprescindibles para todas estas especies animais e vexetais da Serra.

· As pegadas da presenza humana en época prehistórica: petróglifos como o de “Agua da Laxe”, de características únicas no continente europeo; mámoas como as da Chan das Moutas e as dos Bromús. Elementos senlleiros de época histórica, como os restos da Fortaleza do Galiñeiro. Elementos relevantes da arquitectura e da técnica populares, como as presas, as levadas e os muíños de auga. Pero este valioso patrimonio sofre estragos continuos. Os petróglifos de Santa Lucía (un deles, con alabardas) foron soterrados (enteiros ou relados) ao ampliar un picadeiro. Tres das nove mámoas da Chan das Moutas desapareceron: dúas foron desfeitas ao achanzar unha pradería; a outra foi soterrada por un recheo.

· As numerosas cavidades existentes na Serra. Cavidades que posúen valores xeolóxicos singulares. Abrigueiros naturais que son acubillo e leito de elementos arqueolóxicos de orixe prehistórica e medieval; abeiro para o pastoreo comunal e, ata hai ben pouco, albergue de obradoiros de cantería artesanal, como a “Casa do Demo”. Cavidades que son orixe e morada dun rico patrimonio inmaterial, expresado en numerosas lendas populares e nun amplo abano de seres mitolóxicos a elas asociados. Estes verdadeiros monumentos etnográficos e o seu entorno natural deben conservarse inalterados.

· O aproveitamento multifuncional da Serra que fan moitas Comunidades de Montes, veciños e particulares, mediante actividades sustentables e rendibles, que crean as condicións necesarias para a agricultura e a gandería ecolóxicas, e que manteñen viva a identidade do rural. A súa economía sustenta, ademais, valiosas actividades dos centros culturais das parroquias, dinamizando a cultura do pobo.

· O pastoreo de gando ceibe: cabalos, vacas, ovellas e cabras. A existencia de greas de cabalos do monte galegos permite a celebración de dous Curros: o de Vincios e o de Morgadáns. Esta raza equina autóctona está en perigo de extinción, e o Real Decreto 1682/1977 establece a súa protección especial.

· As augas superficiais e subterráneas da Serra, que abastecen ao encoro de Zamáns e ás traídas de auga potable da veciñanza de todo o seu entorno.

· O valor social que ten a Serra, nun territorio tan poboado como é o Val Miñor, Vigo, A Louriña, o Baixo Miño e O Morrazo, como lugar idóneo para actividades de lecer (sendeirismo; colleita de cogumelos), deportes de natureza (escalada; carreiras de orientación) e actividades culturais (estudio e divulgación da riqueza natural, histórica e social do lugar).

Reclamamos que as administracións públicas acometan a protección da Serra dun xeito real e eficaz. No ano 2008, o Conselleiro de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e os alcaldes dos Concellos da zona anunciaron a ampliación do Parque Natural do Monte Aloia a todo o cordal da Serra do Galiñeiro. Foi unha declaración baleira. No ano 2009, a Comisión de Espazos Naturais da Axenda 21 do Concello de Gondomar avalou as razóns da ampliación e apoiouna. Pero, a día de hoxe, os poderes públicos abandoaron ese obxectivo. No ámbito local, só os Concellos de Vigo e O Porriño clasifican nos seus Plans Xerais de Ordenación Municipal a súa parte da Serra como Solo Rústico de Protección de Espazos Naturais. O Concello de Gondomar parece seguir o mesmo camiño. Pero a Xunta de Galicia non manifesta intención ningunha de protexer este valioso lugar. Mentras tanto, a degradación da Serra continúa, e multiplícanse o número e o alcance das ameazas que penden sobre ela.

Invitamos a toda a cidadanía, entidades (colectivos, asociacións, comunidades, clubes) e particulares, a tomar parte neste esforzo colectivo Pola protección da Serra do Galiñeiro. A vosa participación con traballo, ideas ou un simple apoio é necesaria para salvagardar as riquezas naturais, culturais e sociais da Serra e conseguir a súa protección definitiva.

Plataforma pola protección da Serra do Galiñeiro. Quen somos?. Nota de prensa Web: <http://serragalinheiro.wordpress.com/2010/12/24/nota-de-prensa/>

Acerca de cartografías sensibles

Cartografías Sensibles é un proxecto que aposta pola defensa e a posta en valor do patrimonio da parroquia de Vincios e da Serra do Galiñeiro.

Trátase dunha achega virtual a unha realidade territorial rica e complexa a través de mapas que nos fan descubrir historias, topónimos, muíños, covas, penedos, xacementos arqueolóxicos, lendas, músicas e tantos outros elementos que configuran a identidade deste lugar.

A Comunidade de Montes de Vincios leva anos promovendo a multifuncionalidade dun espazo vivo, con infinidade de posibilidades tanto productivas como ambientais ou de lecer. Unha contorna especial na que conviven os usos dos recursos naturais coa paixón pola natureza en todas as súas formas e actividades, así como coa conservación das tradicións, dos valores naturais e do patrimonio cultural.

Axenda de Eventos

No hay eventos programados.

View Calendar

Contacta con nós

O teu nome (requerido)

O teu email (requerido)

Asunto

Mensaxe

Acepto a Política de Privacidade