cartografias_sensibles_vincios_gondomar_patrimonio_inmaterial_panxolinas

Panxoliñas

Os Cantos de Reis eran inicialmente cousa de homes que, [...]

Os Cantos de Reis eran inicialmente cousa de homes que, acompañados por gaiteiros e algún instrumento de percusión, cantaban e tocaban polas casas no Nadal. Foi a mestra Doña Lola a encargada de ensinar as panxoliñas ás rapazas de Vincios. Tanto no Nadal como en Reis, as mozas cantaban polas casas co ánimo de recibir algún agasallo.

XA NACEU O NENO XESÚS

Xa naceu o Neno Xesús,
toquen as gaitas e os pandeiros.
Xa naceu o Neno Xesús,
cantade todos a nova luz.
Dende fai máis de dous mil anos
agardamos tan grande ben.
Xa naceu o Neno Xesús.
Cantade todos a nova luz.
Como berce ten unhas pallas,
como casa ten un portal,
como berce ten unhas pallas,
o Redentor da humanidade.
Xa naceu o Neno Xesús,
toquen as gaitas e os pandeiros.
Xa naceu o Neno Xesús,
cantade todos a nova luz.
¡Ai que neno tan xeitosiño,
ai que branco e pequeniño,
ai que neno máis xeitosiño,
o Neno Xesús de Belén!
Xa naceu o Neno Xesús,
toquen as gaitas e os pandeiros.
Xa naceu o Neno Xesús,
cantade todos a nova luz.

O CARAPUCHIÑO

Vinde ver ó neno
que está deitadiño
e acurrucadiño ó pé dos seus pais.
Máncano as pallas,
en que está deitado,
e os nosos pecados,
aínda os mancan máis.
O meniño pequeniño
entre unhas pallas
se ve como el é tan pequeño
aínda non se ten de pé.
¡Ai que neno,
ai que neniño,
ai que ganiñas me dan
de comerlle a cara a bicos
de gordo e branco que está! (bis)
Víndenos abrir a porta,
sacádenos desta xeada,
e bicarémolo neno,
nunha camiña de pallas.

CON UN SOMBREIRO DE PALLAS

Con un sombreiro de pallas
un galego ó portal foi.
Con un sombreiro de pallas
un galego ó portal foi,
mentres adoraba ó neno,
comeulle o sombreiro o boi.

VIVA O VENTO

Vento vai,
vento ven
vento de Nadal,
que nos trae o vello son
do verde piñeiral.
¡Ei!
Vento vai,
vento ven
vento de Nadal,
que fai ás vellas soñar
xunto ó lume do lar.
¡Ai, que bonito é,
o tempo aquel
en que todos lle cantan
ó neno de Belén!
¡Ei!
Vento vai,
vento ven
vento de Nadal,
que a todos fai recordar
os anos de rapaz.
Entre a neve e o frío
polo longo camiño
vai un probe velliño
apoiado nun bastón,
mentres nun asubío
que lle trae o ventiño,
acórdalle ó ventiño
que de neno cantou:
Vento vai,
vento ven
vento de Nadal,
que fai ás vellas soñar
xunto ó lume do lar.
E entón o noso vello
ven vindo cara á aldea
na hora en que alumea
e brilla un fogo en cada lar,
e neste aire de festa,
detrás de cada porta,
hai unha mesa posta
mentres se escoita cantar:
Vento vai,
vento ven
vento de Nadal,
que a todos fai recordar
os anos de rapaz.

CANTADE MOCIÑOS

Cantade mociños e mozas tamén,
que Deus esta noite naceu en Belén.
Enriba das pallas, está o noso Rei
¡qué pequerrechiño! ¡qué bonito é!
Qué alegría se respira
nesta noite venturosa
como o corazón nos brinca
cando o neno Deus recorda.
Tocan gaitas e pandeiros,
e chifres castañolas,
facendo en vilas e aldeas
unha barullada tola.
Contade mociños e mozas tamén,
que Deus esta noite naceu en Belén.
Enriba das pallas, está o noso Rei
¡qué pequerrechiño! ¡qué bonito é!

BAIXA LOUREIRO

Na porta chama un neno
máis fermoso co mesmo sol
dille que pase logo
para entrar en calor.
Que quente pronto o corpiño
e coma papas de arroz.
Na porta chama un neno
máis fermoso co mesmo sol.

Baixa, baixa loureiro,
e dáme un ramalliño,
que hai que afumar chourizos
para o meniño.
Baixa, baixa loureiro,
e dame un ramalliño,
que hai que afumar chourizos,
para o meniño para o meniño.

CANTOS DE REIS

De Oriente saen tres Reis
e os tres en compañía
con tres cabalos fermosos
que relocen coma o día.
E os tres que neles ían
coma o sol de mediodía
non preguntan por pusada
e menos por compañía.
Preguntan polos partais
onde o Cristo ninguén vía.
Os viu o Rei Herodes
do palacio onde facía
e os mandou chamar
que preguntarlles quería:
¿A onde van os tres Reis?
¿a onde levan a súa guía?
Imos adorar a un Rei.
Rei de toda a monarquía
que o pariu unha raíña
chamada Virxe María.

Camiñan para Belén
máis de noite que de día.
Levan por capitana
unha estrela que os guía.

Cando a Belén chegaron
a estrela se metía.
Viron ó Neno Xosé
no colo de María.
Fixeron gran reverencia
á Sagrada María
ó neno e a San Xosé
e á súa compañía.
Uns ofrecéronlle ouro
outros incenso e mirra.
Os pastores ofrecéronlle
os años que tiñan.

Estando nestas razóns
de pracer e alegría
baixou unha voz do ceo
que un anxo lles dicía:
‘Non vaian por onde Herodes
que de envexa morría.
Vaian por outros camiños
que as súas terras chegarían’

Témo-los Reis cantados.
Pedímo-lo galardón
porque neste sitio están
señores de moito don.

Agora por despedida
agora por derradeira
agora por despedida
tocaremos a muiñeira.

VV.AA. Contos e lendas da parroquia de Vincios. Asociación de veciños ‘Galiñeiro de Vincios’

Acerca de cartografías sensibles

Cartografías Sensibles é un proxecto que aposta pola defensa e a posta en valor do patrimonio da parroquia de Vincios e da Serra do Galiñeiro.

Trátase dunha achega virtual a unha realidade territorial rica e complexa a través de mapas que nos fan descubrir historias, topónimos, muíños, covas, penedos, xacementos arqueolóxicos, lendas, músicas e tantos outros elementos que configuran a identidade deste lugar.

A Comunidade de Montes de Vincios leva anos promovendo a multifuncionalidade dun espazo vivo, con infinidade de posibilidades tanto productivas como ambientais ou de lecer. Unha contorna especial na que conviven os usos dos recursos naturais coa paixón pola natureza en todas as súas formas e actividades, así como coa conservación das tradicións, dos valores naturais e do patrimonio cultural.

Axenda de Eventos

No hay eventos programados.

View Calendar

Contacta con nós

O teu nome (requerido)

O teu email (requerido)

Asunto

Mensaxe

Acepto a Política de Privacidade