O proxecto

A Comunidade de Montes en Man Común de Vincios é a institución responsable da xestión do monte comunal da parroquia e promotora do proxecto Cartografías Sensibles.

A principal característica dos montes comunais galegos reside no carácter da súa propiedade: os veciños son os donos do monte como colectivo. Cando alguén establece a súa residencia na parroquia pasa a ser copropietario do monte, da mesma maneira que deixa de selo no momento de mudarse. As características imprescritible, indivisible e inalienable garanten a supervivencia no tempo deste tipo de propiedades.

Oportunidade dende a necesidade

Cartografías Sensibles nace da necesidade de amosar ao mundo o traballo duns veciños que levan anos promovendo a multifuncionalidade dun espazo vivo, con infinidade de posibilidades produtivas, ambientais ou de ocio. Vincios e a Serra do Galiñeiro son contornas especiais nos que conviven a obtención de recursos naturais coa paixón pola natureza en tódalas súas vertentes.

A filosofía de partida é a seguinte: unicamente coñecendo un lugar podes chegar a amalo e por tanto a respectalo e protexelo. Divulgar un territorio é sinónimo de poñelo en valor, conseguindo así sensibilizar e concienciar ás persoas que viven na súa contorna.

Obxectivo

A Comunidade de Montes en Man Común de Vincios aposta por unha ferramenta que permite evidenciar os valores naturais, paisaxísticos, patrimoniais, culturais, identitarios e sociais de Vincios e da Serra do Galiñeiro, facendo especial énfase en ofrecer un formato innovador e atractivo.

¿De qué maneira? O sitio web invita a viaxar de forma virtual sobre unha realidade territorial complexa e rica a través dun mapa ateigado de historias, testemuñas, músicas, lendas, topónimos, oficios, muíños, pontes, actividades de lecer e lugares que fisicamente xa non están pero que permanecen na memoria dos nosos avós.

Cartografías Sensibles en datos

Durante a realización do proxecto, o equipo encargado de documentar os contidos elaborou un catálogo virtual sobre un mapa que xeolocaliza preto de 200 entradas nas que se atoparán:
368 fotografías
109 microtopónimos
22 vídeos
180 minutos de entrevistas
329 km de rutas
38 hectáreas de proxectos impulsados pola Comunidade de Montes de Vincios

… e un incalculable número de textos que recollen o coñecemento de varias xeracións de veciños implicados e sensibilizados co seu entorno…

¿Cómo foi posible? contando coa inestimable axuda de historiadores, espeleólogos, montañeiros, biólogos, enxeñeiros, canteiros, pastores, agricultores, músicos, amantes da natureza e un sen fin de veciños con un desexo común: compartir o seu coñecemento e protexer a súa contorna.