Ilustración: Iago Valverde

O Ouro Encantado

Tesouros encantados na Serra do Galiñeiro

O número de tesouros encantados na serra do Galiñeiro é altísimo. Sabemos da localización dalgúns deles, mais é ben seguro que muitos outros aínda nos son descoñecidos. Contábanos un informante dos Cabreiros que, estando a facer o servizo militar en África, un mouro vello lle dixeran que a serra do Galiñeiro estaba chea de prata. Precisamente, ao pé da Lapa da Moura existe un olleiro coñecido como a Fonte da Plata. Era o ouro, porén, o elemento máis aracterístico dos tesouros dos encantos.
Aparecía en forma de barras de metal, ou no interior de barricas, fornos ou cornos. O máis habitual era, no entanto, que aparecera soterrado nunha mina, apresentándose comunmente en forma de moedas de ouro.
Ás veces, desencantar un tesouro implicaba coñecer unha frase ritual. Na noite de S. Xoán, por exemplo, un cabalo branco xurdía do Retrato da Capilla e camiñaba cara a Sepultura (Prado). Só recitando certo sortilexio de desencantamento se podía obter o tesouro escondido.
Levar unha sardiña viva dende o mar até o lugar onde se agochaba o tesouro era o xeito de o desencantar. Así sucede nas proximidades da capela de S. Xulián e na Sepultura. Neste último lugar, había unha sardiña gravada na mesma pedra. O procedimento para desencantar unha mina de ouro que alí había consistía en depositar sobre a pedra unha sardiña viva, levada até alí desde o mar… e houbo quen chegou até a beira mesma da Sepultura co peixe a coletear, mais nese preciso momento o animal morreu.
O ouro do Galiñeiro aparecía frecuentemente oculto no interior duns cornos. Estes recórdannos os cornos da abundancia das mitoloxías da prehistoria cos que os deuses fornecían aos humanos os alimentos e bens necesarios.
RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Afonso. A memoria da pedra. Lendas do monte Galiñeiro. En: Clube Espeleolóxico Maúxo. As covas de Vincios. Comunidade de Montes Veniñais en Man Común de Vincios. Vigo: 2005. p. 143-144

Acerca de cartografías sensibles

Cartografías Sensibles é un proxecto que aposta pola defensa e a posta en valor do patrimonio da parroquia de Vincios e da Serra do Galiñeiro.

Trátase dunha achega virtual a unha realidade territorial rica e complexa a través de mapas que nos fan descubrir historias, topónimos, muíños, covas, penedos, xacementos arqueolóxicos, lendas, músicas e tantos outros elementos que configuran a identidade deste lugar.

A Comunidade de Montes de Vincios leva anos promovendo a multifuncionalidade dun espazo vivo, con infinidade de posibilidades tanto productivas como ambientais ou de lecer. Unha contorna especial na que conviven os usos dos recursos naturais coa paixón pola natureza en todas as súas formas e actividades, así como coa conservación das tradicións, dos valores naturais e do patrimonio cultural.

Axenda de Eventos

No hay eventos programados.

View Calendar

Contacta con nós

O teu nome (requerido)

O teu email (requerido)

Asunto

Mensaxe

Acepto a Política de Privacidade