Ilustración: Iago Valverde
Ilustración: Iago Valverde

O Demo

A figura do Demo asóciase na Serra do Galiñeiro ás rochas chamadas ‘Cornos do Demo’ e a un abrigueiro coñecido como a ‘Cova do Demo’

A relixión católica, xa no Novo Testamento, identificou a serpe e o dragón co mesmísimo Demo, e como tal son coñecidos algúns dos dragóns e vermes xigantes das tradicións europeias.
As serpes de tamaño xigantesco aseméllanse muito aos dragóns. Viven durante muitísimos anos en covas, nos cumes de certos montes. A de Xermade posúe un par de asas, que lle permiten voar. Pertence á familia das grandes serpes aladas dos povos cantábricos: o cuélebre astur, o cúlebre cántabro ou a cobra voadora Sugaar (compañeiro da deusa basca Mari). Espertan coa primavera e, como dragóns que son, baixan voando ás agras e ás aldeas, onde causan grandes danos: devoran o gado e as persoas (como as serpentas galegas) e non respeitan nen os cadáveres dos cimeterios.
Teñen, alén diso, grande apetencia polas mulleres, que raptan á menor ocasión, sobre todo cando se trata de princesas e doncelas.
Ademais de á terra, ao lume e ao ar, as grandes serpes están mui unidas ao elemento agua: teñen necesidade de beber a cotío en certa fonte ou regato, e cando se fan extraordinariamente vellas e pesadas, son rexeitadas pola terra e polos ríos, e teñen que emigrar para o seu Mar Coallado. No seu fundo, custodian os tesouros do outro mundo.
Tamén nas súas covas gardan grandes riquezas, pois as súas altas toubas son realmente portas que conducen ao Alén. É por iso que a presenza destes seres sinala frecuentemente a localización dos lugares sagrados de antano.
Cobras xigantes e dragóns encarnan as forzas telúricas e as correntes de enerxía subterráneas. Na China son uns deuses amábeis que conceden agua e fertilidade; mais na Europa representan as forzas do mundo inferior, contra as cais luita o heroi solar. Nas lendas medievais ambos compiten por unha princesa (figura baixo a cal se agocha a vella Deusa).
Como Demo tamén era coñecido un deus do mundo inferior, un deus telúrico asociado á morte e á fertilidade, relacionado co misterioso deus cornudo Cérnunnos, dos povos atlánticos, ou o máis coñecido castrón dos aquelarres medievais.
E que relación pode ter o Demo co monte do Galiñeiro? Aparentemente só toponímica: unhas rochas que destacan nunha das dúas Gallas do monte denomínanse Cornos do Demo (ou Cotarro do Demo). Aliás, o demo volve aparecer máis abaixo, mui perto do Arruído, no abrigueiro coñecido como a Cova do Demo. Segundo un dos nosos informantes, porén, a tal Cova do Demo situaríase realmente na Raís, nun antigo depósito de bolos graníticos, hoxe por desgraza desaparecido, que se estendía desde o Foro da Raís até o Escorreghadouro; o lugar tampouco se sitúa lonxe do Arruído.
Mais nas lombas do Galiñeiro que baixan ao encontro do río Louro, en Chenlo, encontrámonos tamén cunha Ghrencha do Demo, a carón da Volta do Demo e do Muíño do Demo. E o que vén a seguir será unha simples coincidencia, mais o Demo pasou a introducirse tamén nos alcumes familiares da zona: “o Demo de Pontellas”, “Carme a do Demo”, etc.
Non sabemos se o Demo do Galiñeiro estaba relacionado co Ollo do Mar das Gallas. Non sabemos se tivo algo que ver no diluvio que descendeu ladeira abaixo cara o mar; mais o que si sabemos é que na Ramallosa existiu un dragón mariño ou “coca”, unha coca das que gostaban de remontar os ríos desde o mar. Sería arrastado o Demo das Gallas por unha esborrallada cara o mar? Remontaría a coca o río Zamáns desde o mar da Ramallosa en dirección ás nacentes do Galiñeiro? Non o sabemos.

RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Afonso. A memoria da pedra. Lendas do monte Galiñeiro. En: Clube Espeleolóxico Maúxo. As covas de Vincios. Comunidade de Montes Veniñais en Man Común de Vincios. Vigo: 2005. p. 137-139

Acerca de cartografías sensibles

Cartografías Sensibles é un proxecto que aposta pola defensa e a posta en valor do patrimonio da parroquia de Vincios e da Serra do Galiñeiro.

Trátase dunha achega virtual a unha realidade territorial rica e complexa a través de mapas que nos fan descubrir historias, topónimos, muíños, covas, penedos, xacementos arqueolóxicos, lendas, músicas e tantos outros elementos que configuran a identidade deste lugar.

A Comunidade de Montes de Vincios leva anos promovendo a multifuncionalidade dun espazo vivo, con infinidade de posibilidades tanto productivas como ambientais ou de lecer. Unha contorna especial na que conviven os usos dos recursos naturais coa paixón pola natureza en todas as súas formas e actividades, así como coa conservación das tradicións, dos valores naturais e do patrimonio cultural.

Axenda de Eventos

No hay eventos programados.

View Calendar

Contacta con nós

O teu nome (requerido)

O teu email (requerido)

Asunto

Mensaxe

Acepto a Política de Privacidade