Igrexa parroquial de Santa Mariña

Igrexa románica con diversas reformas e adicións ao longo do tempo, sendo as máis significativas as da ábsida, de mediados do XVI, e a ampliación da sancristía, do XVIII

No couto de Vincios xa existía, dende finais do século XII ou, se cadra, principios do XIII, a igrexa románica de Santa Mariña.
Oriéntase de xeito canónico segundo o eixe leste-oeste, emprázase nunha topografía de forte pendente en dirección oeste, circunstancia que obriga a que parte da construción quede enterrada. Desta condición xorde un dos maiores problemas do edificio ao longo dos séculos: as filtracións de augas freáticas e humidades.
A edificación actual componse de tres partes: nave principal, ábsida e sancristía.
A nave é a que conserva a práctica totalidade dos restos románicos. Trátase dunha caixa de planta rectangular á que, en orixe, se accedía por tres ocos situados a norte, sur e poñente. Este último é a portada principal e, de igual xeito que todo o templo, está resolta, empregando unha sinxeleza extrema, mediante tres arquivoltas lisas para arco de medio punto apoiadas sobre xambas rectas. Non existe a máis mínima decoración. Os accesos laterais, iguais entre si, redúcense a un oco rectangular ao exterior, rematado en arco de medio punto ao interior. Na parte alta da nave, nos muros norte e sur, consérvanse dúas seteiras de fermosa austeridade resoltas con derramo interior liso. É posible que en ambos os dous muros se perderan outras dúas como consecuencia da apertura, no século XIX, de senllos ocos de maior tamaño actualmente conservados. No muro piñón, sobre o arco triunfal, puido existir outra, segundo parece indicar o tapiado exterior. A nave remata en cuberta con estrutura de madeira asentada sobre cornixa achaflanada que descansa sobre senllas liñas de canzorros a norte e sur, todos, agás dous, exentos de decoración e con forma de proa de barco ou con perfil en caveto. A fachada principal remata en espadana dobre, rematada en frontón semicircular, sobre base de volutas estilizadas punteadas, en ambos os dous extremos, por pináculos, baixo os que se atopan pequenas placas recortadas propias do barroco compostelán do XVIII. O remate da fachada descrito e o oco cadrado moldurado que aparece debaixo son probablemente consecuencia dalgunha reforma do século XVIII.
O acceso da nave á capela maior realízase a través dun arco triunfal de medio punto dobrado que descansa sobre xamba de aresta viva e arranca, na liña de impostas, dunha sinxela cornixa parcialmente rasurada, posiblemente a mediados do XIX, para acomodar a ambos os dous lados deste senllos retablos.
A ábsida, parcialmente baixo terra, constrúese, posiblemente, substituíndo a deteriorada peza románica, a mediados do século XVI, por mandato do bispo Diego de Torquemada na visita pastoral que efectúa en 1567. Era, entón, cura párroco Gonzalo de Cortiñas, cuxo apelido, e a data de remate (1568), quedou gravado nunha cartela baixo unha das ménsulas que soportan o salmer dun dos tres arcos faixóns de medio punto sobre os que descansa a bóveda de granito que a cobre. A ábsida é de planta rectangular, ten menor altura e ancho que a nave e a cuberta é a dúas augas. No vértice do muro piñón da cabeceira consérvase a cruz antefixa calada románica.
O terceiro corpo, a sancristía, foi engadido no século XVIII, en estilo barroco. É de planta practicamente cadrada, cuberta a catro augas sobre cornixa moldurada e conserva nos vértices da fachada norte senllos pináculos graníticos.
Recentemente leváronse a cabo obras de rehabilitación de todo o templo, tuteladas pola Comisión de Patrimonio, e a consecuencia destas, e doutras iniciada en 1993, descubríronse e restauraron as pinturas murais que cobren a cabeceira da ábsida, unha representación de Cristo na Cruz sobre, posiblemente, unha Última Cea, que viñeron completar as atopadas sobre o arco triunfal, unha representación de Cristo Resucitado.
Por último, é tamén salientable a métrica e materialización do antigo cemiterio, anterior á aparición dos cemiterios hixienistas, que inda se conserva ocupando a case totalidade do adro empedrado, ao que se chega a través dunha escalinata granítica de considerable ámbito e tramo único.

Instituto de Estudios Miñoranos. Historia e arquitectura da igrexa parroquial de Santa Mariña de Vincios. Luns, 27 Agosto 2012 18:06. Web: http://www.minhor.org/component/content/article/63-informacion/655-historia-e-arquitectura-da-igrexa-parroquial-de-santa-marina-de-vincios

Acerca de cartografías sensibles

Cartografías Sensibles é un proxecto que aposta pola defensa e a posta en valor do patrimonio da parroquia de Vincios e da Serra do Galiñeiro.

Trátase dunha achega virtual a unha realidade territorial rica e complexa a través de mapas que nos fan descubrir historias, topónimos, muíños, covas, penedos, xacementos arqueolóxicos, lendas, músicas e tantos outros elementos que configuran a identidade deste lugar.

A Comunidade de Montes de Vincios leva anos promovendo a multifuncionalidade dun espazo vivo, con infinidade de posibilidades tanto productivas como ambientais ou de lecer. Unha contorna especial na que conviven os usos dos recursos naturais coa paixón pola natureza en todas as súas formas e actividades, así como coa conservación das tradicións, dos valores naturais e do patrimonio cultural.

Axenda de Eventos

No hay eventos programados.

View Calendar

Contacta con nós

O teu nome (requerido)

O teu email (requerido)

Asunto

Mensaxe

Acepto a Política de Privacidade