Ilustración: Iago Valverde
Ilustración: Iago Valverde

Los Mouros do Galiñeiro

Las leyendas del mítico pueblo de los mouros se extienden a lo largo de todo el Galiñeiro

<Gallego> A lembranza do mítico povo dos mouros semella latexar aínda en muitos recunchos da Serra do Galiñeiro: castros e fortalezas que nun tempo levantaron, grandes rochas modeladas polas súas ferramentas como fornos e campanarios, pías de granito onde lavaban baixo as estrelas os tesouros do interior da terra, abrigueiros baixo os cais celebraban as súas asembleas, descoñecidas covas comunicando as entrañas da serra, pegadas máxicas gravadas na pedra de mulleres e de homes e de cabalarías, chans animadas que á caída da noite se tornaban na feira dos encantos…
Hai que destacar o elevado número de sitios que se consideraban habitados polos mouros. Muitos deles son ruínas prehistóricas, que se pensaba foran erguidas en tempos pasados polos xentís, ruinas baixo as cais terían vivido logo de teren sido derrotados en antigas guerras. É o caso dos campos de mámoas (aquí chamados moutas ou terramotas), dos castros e das fortalezas alto-medievais, como a que nun tempo se levantou sobre a mesma Galla do Galiñeiro. Algúns pardiñeiros con feitío de vivenda de planta cadrada considerábanse as antigas casas dos mouros. Tamén se di que é doado atopar fragmentos de tella nos lugares que habitaron.
Certas cavidades e penedos servíanlles tamén de fogar, principalmente as pedras comestas (cacheiras, tafoni): rochas graníticas ocas, enfeitadas con relevos alveolares.
Os lugares relacionados cos mouros estaban comunicados baixo terra mediante minas, como a do Coto do Morxón, en Chaín. Deberon ter existido máis, pois precisaban acceder á agua das fontes, como a da Fonte do Mouro (a carón do castro de Arcos).
Como consecuencia do seu paso sobre as rochas durante a noite, ás veces ficaban gravadas as pegadas dos mouros ou das súas cabalarías; así, os muíños rupestres do Coto da Moura de Chaín considerábanse pegadas dos mouros, mentres que en Camos certas formas marcadas no Outeiro das Campanas interprétanse como as pisadas dos seus cabalos. Mesmo existe unha pedra que se tiña por asento de mouros: a Pedra do Mouro de Prado.
As pías naturais, tan comúns nos afloramentos graníticos do Galiñeiro, serían realmente as pías dos mouros, e os muíños rupestres prehistóricos os seus lavadouriños.
En pías e muíños lavaban os mouros o seu ouro pola noite, cando ninguén os vía. Como testemuño dos seus trafegos nocturnos, a desaparecida Ighlesia Piñeira de Vincios amañecía chea de areíñas brillantes, que os viciños aseguraban que eran de ouro. Sobre os abondosos tesouros de ouro e de prata do Galiñeiro volveremos máis adiante.
Os prezados penedos erosionados, os niños de abella que semellan as flores do mesmo granito, e que están a desaparecer dos nosos montes, tíñanse ás veces polos fornos onde os mouros cocían o seu pan (Outeiro das Campanas). Máis normal era, con todo, que se consideraran ben campanarios máxicos, ben o emprazamento dos santuarios ou capelas dos mouros. Ás veces, estas capelas pagás ficaban soterradas baixo unha capela cristiá, como a Capela de S. Martiño de Morgadáns, ou mesmo baixo unha árbore especial como o Carballo do Bambán (Prado, Morgadáns).
Na freguesía de Budiño, dúas pedras montadas, situadas no interior dun destes penedos, producían un bruar que ecoaba dentro da oquedade. Deste xeito -contaban os viciños- comunicábanse os mouros.
Ollar os mouros era ben difícil. Adoitaban escoller días e horas sinalados para saíren ao exterior. Na medianoite do día de S. Xoán, un xeneral mouro montado a cabalo podía ser visto na Sepultura, un sarcófago labrado no mesmo penedo, situado en Prado. Ás veces era un magnífico cabalo branco quen se dirixía a este lugar procedente do petroglifo do Retrato da Capilla. O primeiro de ano era o día escollido por un mouro que vivía no Coto dos Mouros de Parada para saír do interior da rocha tocando unha frauta de ouro.
Tamén neste mesmo outeiro os mouros se reunían en asemblea no interior dun abrigueiro natural, baixo os penedos. Outras veces saían ao exterior e xuntábanse en chans, como a da Eira dos Mouros, perto do lugar de Xián. Quizais nesta plainada beillaran os mouros pola noite -como gostaban de facer os seus curmáns dos montes de Forcarei- pois un dos seus maiores praceres era gozar da música e do baile.
Os mouros celebraban tamén as súas feiras. Nunha chan situada no lugar de Liñares (Vilas, Morgadáns) existía un destes mercados dos xentís, mercado que atraía os mouros todos do Galiñeiro.
E por muitos anos que puideran viver, ao final tamén eles coñecían a morte: no Outeiro Redondo, a carón da estrema de Chandebrito, xace enterrado o xefe dos mouros do castro viciño, ollando cara ao Galiñeiro. Dicíase que o lugar de sepultura de personaxe tan destacado tiña de cumprir unha condición mui especial: ser alumeado polo sol en todo o seu percorrido diario, desde a alba até o solpor; quizais perviva nesta tradición un culto primitivo ao astro rei, quen através dos seus raios recollería a alma do morto para levala onda si e conducila através do ceu cara o país das sombras.

RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Afonso. A memoria da pedra. Lendas do monte Galiñeiro. En: Clube Espeleolóxico Maúxo. As covas de Vincios. Comunidade de Montes Veniñais en Man Común de Vincios. Vigo: 2005. p. 139-141

Acerca de cartografías sensibles

Cartografías Sensibles es un proyecto que apuesta por la defensa y la puesta en valor del patrimonio de la parroquia de Vincios y de la Serra do Galiñeiro.

Se trata de un acercamiento virtual a una realidad territorial rica y compleja a través de mapas nos hacen descubrir historias, topónimos, molinos, cuevas, yacimientos arqueológicos, leyendas, músicas y tantos otros elementos que configuran la identidad de este lugar.

La Comunidad de Montes de Vincios lleva años promoviendo la multifuncionalidad de un espacio vivo, con infinidad de posibilidades tanto productivas como ambientales o de ocio. Un lugar especial en el que conviven la obtención de recursos naturales con la pasión por la naturaleza en todas sus formas y actividades, así como la conservación de las tradiciones, los valores naturales y del patrimonio cultural.

Agenda de eventos (en gallego)

No hay eventos programados.

View Calendar

Contacta con nosotros

Tu nombre (requerido)

Tu Email (requerido)

Asunto

Mensaje

Acepto la Política de Privacidad