cartografias_sensibles_vincios_gondomar_patrimonioinma_lendas_vella2

A Vella (Arruido)

Personaje mítico relacionado con el invierno, diosa de los antiguos moradores del Galiñeiro

<En Gallego> Atrás ficou xa a seitura, a estación da colleita, o sol grande do mediodía galego. O outono avanza, varrendo a follasca da última devesa. Levedan fungos e cogomelos no estrume da fraga, mentres no aberto esperta o verdor do pasto renovado. Sobre os laxóns que descen da serra, as aguas corren a treu. E mentres a sombra do inverno vai escurecendo o Galiñeiro, unha inesperada fumareda elévase sobre a Fonda do Arruído: no seu fogar entre os penedos, a Vella prendeu o lume.
Pouco, mui pouco se sabe xa da Vella. En Vincios é practicamente unha descoñecida, como acontece no conxunto do país. A ela aluden dous topónimos: Cova da Vella e Afumegha a Vella, ambos situados en monte comunal, no entorno do Arruído. Cando no inverno corre a agua sobre a laxe coñecida como Afumegha a Vella, por veces, con vento forte do sudoeste, esas aguas son empurradas cara arriba, dando lugar a un estraño fenómeno que, ollado desde abaixo, semella unha fumareda que se eleva sobre as rochas. Este sinal asóciase coa chegada da chuvia. É entón cando a memoria popular recupera a figura da Vella:
“Ai, como fumegha a Vella! (…)
Andai, ide a i-herba, (…) que xa empesa a fumeghar a Vella(…)”.
Ao pé desta laxe localízase un abrigo natural, cun certo aspecto interior de arca ou monumento funerario, desde o que se domina unha impresionante paisaxe. Esta sería unha das dúas casas que a Vella tería no monte de Vincios.
No entanto, é mui raro que alguén proporcione algunha información adicional sobre ela. Cando isto acontece, e por escasa que sexa, para nós é un auténtico tesouro, dada a trascendencia que esta personaxe debeu ter, na nosa opinión, na concepción mítica do entorno dos antigos povoadores do Galiñeiro. Así, un informante relaciona o fume da Vella coa preparación de castañas no inverno: “Ía cocer castañas, en Decembro.”
Da Vella do Galiñeiro pouco máis podemos dicer, pero… quen era realmente a Vella? A figura da que estamos a falar case non ten tradición propia no noso país, sendo o máis común que se agoche nos nomes de certas covas, cumes e elementos do mundo físico, ou que se oculte baixo distintos disfraces. Na tradición galega descubrímola no nome do arco iris -Arco da Vella-, na Bruta dalgúns contos populares, en figuras mitolóxicas como a Raíña Lupa e a Orca Vella, ou nalgunhas das raíñas mouras ou mouras vellas das nosas lendas populares.
A Vella galega e portuguesa é a Vieya asturiana, e se ben existen en todo o mundo personaxes máxicas que apresentan certas afinidades con ela, é nas culturas gaélicas das Illas Británicas onde encontramos unha figura paralela á nosa, e que recebe mesmamente idéntico nome, pois tamén alí é coñecida como “Vella”: é a Cailleach na língua antiga dos irlandeses (nós pronunciaríamos algo así como “killógh”). En Escocia e na Illa de Man teñen nomes mui semellantes ao irlandés.
A Cailleach é descrita frecuentemente como unha vella mui alta, coa pel sulcada de enrugas, e con máis anos enriba dos que calquera muller mortal poida sumar. Ás veces pénsase que naceu no principio dos tempos, e que na súa dilatada vida ten presenciado sucesos extraordinarios. Dise que chegou polo mar. A Vella de Beara irlandesa -e de xeito análogo a escocesa e a manesa- tomou o seu nome da península de Beara, situada no sudoeste do país. Muitas informacións a sitúan na beira do mar, alimentándose das plantas que apaña polo litoral e dos peixes que ela mesma pesca.
Tamén a Vella galega está relacionada co mar. En Fisterra estaba enterrada a terríbel Orca Vella, e mui perto de alí, no cume do monte Pindo, é a Raíña Lupa quen ten a súa sepultura. Quizais chegaran polo mar nunha barca de pedra, como fixera Nosa Señora da Barca, en Muxía. Mais non temos de ir tan lonxe: no norte agreste da illa de Ons existe unha furna coñecida co nome de Cova da Vella; muito máis perto aínda, na foz do Lagares, temos un Cabo da Vella; quizais, coroando algunhas das nosas elevacións litorais, algúns penedos coñecidos como a Silla da Reina lle estean consagrados. Illas, cantís, esteiros e cabezos litorais son accidentes naturais mui do gosto da nosa Vella.
Con todo, a soberanía da Vella estendíase terra adentro: ora camiñando grandes distancias, por pastos e turbeiras, ora saltando de cume en cume, a súa presenza abranxía a terra toda, cando en tempos pasados ningún deus masculino lle facía sombra. Altos montes que lle puideran proporcionar o abrigo dunha cova constituían para ela o seu mellor fogar. As súas pegadas ficaban impresas na pedra para a eternidade.
Deusa das profundidades da terra e dos seus tesouros, valedora dos animais selvaxes, señora da noite e da morte, era tamén unha deusa das alturas que tiña o seu espello no firmamento: a nosa Vella quizais fora tamén a Vella da Casa das Estrelas dos nosos contos tradicionais, ou quizais unha encarnación da propia lúa.
A Vella dominaba tamén a climatoloxía: a Cailleach Bheur escocesa levaba a neve ás Terras Altas, ao tempo que no inverno lle negaba á terra a fertilidade golpeándoa cun pau. Tamén a Oxáncana, bruxa sobrenatural astur-leonesa, facía caír a neve, varrendo os cumes das montañas coa súa vasoura. Na man da Vella estaba tamén provocar a chuvia, o vento, os temporais do mar… e a xeada. Cando nas máis frías mañáns de inverno os campos de Vincios amañecen xeados, exclaman aínda os viciños:
- “(…) o raio da Vella peneirouche a valer esta noite (…), carai, esta noite non descansou!”
A Vella predicía así mesmo o tempo. Xa o puidemos comprobar no caso do Galiñeiro. Tamén a Vella da Escuridade da Illa de Man o facía. Os viciños sabían que cando a observaban transformada nunha grande ave, transportando leña no peteiro para o seu fogar, situado nunha grencha no alto dun monte, anunciaba chuvia.
Outra das súas atribucións consistía en rexer o caudal de ríos e mananciais. Un descuido seu podía xerar unha terríbel enchenta; muitos lagos irlandeses e escoceses deben a súa existencia aos “despistes” da Vella.
Apesar de que a súa cara máis coñecida a relaciona co inverno, a Vella debeu ter sido tamén unha deusa da fertilidade da terra. En Irlanda, pensábase que o espírito do cereal se recollía no último feixe da seitura. Para que non abandonara a leira facían con el un atado con forma de muller que denominaban a Cailleach.
A Vella era tamén unha deusa criadora. A ela se lle atribúe en Escocia a formación de illas, cantís ou montañas, e no noso país o transporte de grandes pedras sobre a súa cabeza, pedras coas que logo había de construir as antas, enterramentos megalíticos. Tanto na Galiza como en Irlanda, a Vella levanta montañas coas pedras que acarrexa na súa abada.
A seguir, reproducimos unha curiosa lenda recollida no monte Aloia que explica a formación dun estraño acúmulo de rochas, e que indirectamente tamén se podería atribuír á Vella.
No monte Aloia, entre os lugares de Os Cabreiros e Porto de Bouzas, localízase un pedregal coñecido como A Trapa ou os Milaghres da Trapa. Curiosamente, é mui semellante aos Pedragullos da Fonda do Arruído de Vincios, e localízase na rexión sur da mesma serra do Galiñeiro.

RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Afonso. A memoria da pedra. Lendas do monte Galiñeiro. En: Clube Espeleolóxico Maúxo. As covas de Vincios. Comunidade de Montes Veniñais en Man Común de Vincios. Vigo: 2005. p. 147-149

Acerca de cartografías sensibles

Cartografías Sensibles es un proyecto que apuesta por la defensa y la puesta en valor del patrimonio de la parroquia de Vincios y de la Serra do Galiñeiro.

Se trata de un acercamiento virtual a una realidad territorial rica y compleja a través de mapas nos hacen descubrir historias, topónimos, molinos, cuevas, yacimientos arqueológicos, leyendas, músicas y tantos otros elementos que configuran la identidad de este lugar.

La Comunidad de Montes de Vincios lleva años promoviendo la multifuncionalidad de un espacio vivo, con infinidad de posibilidades tanto productivas como ambientales o de ocio. Un lugar especial en el que conviven la obtención de recursos naturales con la pasión por la naturaleza en todas sus formas y actividades, así como la conservación de las tradiciones, los valores naturales y del patrimonio cultural.

Agenda de eventos (en gallego)

No hay eventos programados.

View Calendar

Contacta con nosotros

Tu nombre (requerido)

Tu Email (requerido)

Asunto

Mensaje

Acepto la Política de Privacidad