Fonte: Comunidade de Montes de Vincios

Curro da Serra do Galiñeiro

O curro da Serra do Galiñeiro ten lugar o segundo domingo de Xullo

Unha das manifestacións máis características e xenuínas do patrimonio etnográfico do noso país son os curros, ou rapa das bestas. No Val Miñor teñen un importante impacto social e mesmo un interese turístico de primeira orde. Dúas veces ao ano, os cabalos que viven ceibes no monte, deixan de selo por unhas horas.
Nas primeiras horas do día, os besteiros percorren a pé ou a cabalo dende Zamáns ata a Auga da Laxe, en Vincios, a onde dirixen as greas de cabalos.
No tramo final faise un pequeno cordon unindose cada persoa coa anterior mediante unha vara, sobre as 13:00 horas chegan cos cabalos ao recinto do curro. A partir deste momento sepáranse os poldros para evitar que os grandes os manquen. Pola tarde sepáranse os garanóns para evitar pelexas e de seguido cada gandeiro recolle os seus, un por un, para proceder á rapa das crinas e a desinfección do animal, momentos espectaculares nos que é usada unha vara e un lazo para a captura e manexo dos animais.
Os poldros que nacen cada ano tamén son controlados, marcados e desparasitados, as femias soltadas coas nais e a maior parte dos machos vendidos.
O recinto do curro de Vincios é rectangular e pechado en madeira a través de troncos distribuídos en horizontal; ten, ademais, dous pequenos anexos, adosados e tamén pechados en madeira, para separar os poldros e os garañóns, seguindo costumes herdadas secularmente.
O curro da Serra do Galiñeiro ten lugar o segundo domingo de xullo nas Chans da Auga da Laxe, na ava, orientada cara ao Val Miñor, do Monte Galiñeiro.
Vilar, Xosé Lois. En: Guía multifuncional de Vincios. Comunidade de Montes Veniñais en Man Común de Vincios. Vigo: 2012. p. 68 – 69

Acerca de cartografías sensibles

Cartografías Sensibles é un proxecto que aposta pola defensa e a posta en valor do patrimonio da parroquia de Vincios e da Serra do Galiñeiro.

Trátase dunha achega virtual a unha realidade territorial rica e complexa a través de mapas que nos fan descubrir historias, topónimos, muíños, covas, penedos, xacementos arqueolóxicos, lendas, músicas e tantos outros elementos que configuran a identidade deste lugar.

A Comunidade de Montes de Vincios leva anos promovendo a multifuncionalidade dun espazo vivo, con infinidade de posibilidades tanto productivas como ambientais ou de lecer. Unha contorna especial na que conviven os usos dos recursos naturais coa paixón pola natureza en todas as súas formas e actividades, así como coa conservación das tradicións, dos valores naturais e do patrimonio cultural.

Axenda de Eventos

No hay eventos programados.

View Calendar

Contacta con nós

O teu nome (requerido)

O teu email (requerido)

Asunto

Mensaxe

Acepto a Política de Privacidade