cartografias_sensibles_vincios_gondomar_monte_recursos_producion_miel

Apicultura

O resgardo dos ventos e a proximidade de masas de vexetación e auga propician a realización de labores de apicultura

A apicultura foi sempre unha actividade eminentemente rural que se enmarcaba dentro dos traballos da casa. A relación coas abellas non é a mesma que existe con outros animais domésticos xa que a abella é un insecto semisalvaxe ao que non se lle pode nin amosar cariño nin domar, que pode picar e mesmo provocar a morte das persoas alérxicas ou sensibles. Todas estas circunstancias serviron para formar a idea de que ás abellas “hai que entende-las”, e non servía calquera para o seu manexo. Xurdiu así a figura do “abelleiro”, o especialista no manexo do “gandodo aire”.
En Vincios, dada a orientación oeste dalgunhas superficies que están ao resgardo dos ventos e a proximidade de masas de auga e vexetación de toxo, eucalipto, castiñeiro, etc … danse as condicións adecuadas para realizar labores de apicultura. Esta actividade podería considerarse como de interese potencial.
Moitas son as razóns polas cales as abellas son imprescindibles para o medio ambiente:
Polinización: por cada unidade que as abellas producen en forma de mel, pole, propóleos, cera, etc., revirten vinte en forma de polinización e polo tanto, na formación de sementes e froitos. Unha boa produción de sementes é fundamental na recuperación vexetal de zonas degradadas, lugares onde un incendio, o pastoreo excesivo, a agricultura intensiva ou unha mala xestión dos recursos levou ó deterioro da cuberta vexetal.
Colaboran na conservación de especies vexetais que son endemismos dos nosos montes e riquezas vexetais da nosa biodiversidade, como o toxo gateño (Ulex micranthus) e o rañalobos (Genista triacanthos). A presenza de abellas asegura a polinización e a rexeneración.
A mellora nos cultivos de froiteiras, legumes, hortalizas ou plantas aromáticas xa que a polinización cruzada ademais de favorecer un rendemento nas colleitas, aumenta a calidade organoléptica dos froitos, mellorando o seu sabor, as cualidades nutritivas e mesmo a conservación.
Son bioindicadoras do estado do hábitat.Debido a alta sensibilidade das abellas aos productos químicos no ambiente convértense nunha ferramenta de mostraxe e avaliación ambiental moi eficaz, xa que a abella, como insecto, recolle mostras de todo o territorio, na auga, na terra, mostras de po e partículas en suspensión.
Productos para o consumo humano como son a mel, a xalea real, a cera, etc… Sen ningunha dúbida, o mel dunha zona din moito dela, é un distintivo propio. Ante a sociedade, o mel producido nos montes veciñais teñen o selo diferencial como forma de resaltar as boas condicións de conservación da contorna e o traballo colectivo da veciñanza na xestión do seu monte teñen o marchamo diferencial como forma de resalta-las boas condicións de conservación do entorno e o traballo colectivo da veciñanza na xestión do seu monte.
É un recurso educativo e turístico, ofrecéndolle ó visitante tanto a posibilidade de deleitarse e relaxarse pasando unha tarde entre as abellas, observando ás colonias, o seu funcionamento, as súas danzas de comunicación, o almacenamento do mel e o pole, etc., como a posibilidade de realizar cursiños de apicultura ou actividades que teñan relación co mundo que rodea ás abellas, como xornadas de degustación de produtos, paseos de observación das floracións apícolas, etc.

Docampo Riveiro, Xosé Manuel. Apicultura. En: Guía multifuncional de Vincios. Comunidade de Montes Veniñais en Man Común de Vincios. Vigo: 2012. p.92 – 94

Acerca de cartografías sensibles

Cartografías Sensibles é un proxecto que aposta pola defensa e a posta en valor do patrimonio da parroquia de Vincios e da Serra do Galiñeiro.

Trátase dunha achega virtual a unha realidade territorial rica e complexa a través de mapas que nos fan descubrir historias, topónimos, muíños, covas, penedos, xacementos arqueolóxicos, lendas, músicas e tantos outros elementos que configuran a identidade deste lugar.

A Comunidade de Montes de Vincios leva anos promovendo a multifuncionalidade dun espazo vivo, con infinidade de posibilidades tanto productivas como ambientais ou de lecer. Unha contorna especial na que conviven os usos dos recursos naturais coa paixón pola natureza en todas as súas formas e actividades, así como coa conservación das tradicións, dos valores naturais e do patrimonio cultural.

Axenda de Eventos

No hay eventos programados.

View Calendar

Contacta con nós

O teu nome (requerido)

O teu email (requerido)

Asunto

Mensaxe

Acepto a Política de Privacidade