Ilustración: Iago Valverde
Ilustración: Iago Valverde

A Pedra da Moura

Os veciños da Fraga podían ver ás veces unha muller loira ‘toda chea de ouro’ peitearse sobre un penedo.

Sobre o Casal da Fraga existía un grande penedo que chamaban a Pedra da Moura. Baixo este penedo agorgullaba un manancial que, por suposto, baptizaron como Fonte da Moura. Ao raiar o sol, os viciños e viciñas daqueles tempos observaban ás veces sobre o penedo unha muller loira a peitearse.
Disque se trataba dunha muller que fora encantada na pedra, baixo a cal gardaba un fabuloso tesouro.
Dunha volta, unha rapariga conducía o rabaño do lugar a pastar ao monte, cando viu na Pedra da Moura unha muller “toda chea de ouro”: cadeas, pulseiras, brincos de ouro… o seu pelo ía prendido por unha peineta tamén de ouro. A nena tomou medo, arrepiouse toda e fuxiu.
Pasou o tempo. A nena foi moza e foi muller; tivo unha filla. A filla tamén medrou e fíxose muller, dándolle á primeira unha neta. A neta, así que se fixo grande, deu a luz outra nena.
De xeito que, se non me confundín polo camiño, foi unha bisneta da primeira muller quen, sendo tamén rapariga, volveu ver a dona da Pedra da Moura. Mais desta vez na forma dunha serpe, unha serpe enorme. A nena colleu medo. A serpe bufoulle ameazante, e logo introduciuse baixo o penedo. Mais… por onde? “Buraco non había”.
Entre a primeira e a segunda aparición transcorreran cen anos. Os viciños chegaron á conclusión de que alí residía un “encanto” que “de cen en cen anos, sale a asollarse”. Noutra ocasión, andaba unha moza polo monte cando sorprendeu na Pedra da Moura a unha “mullerciña vella a peinarse, mui bonita”. A muller díxolle á rapaza:
- “Neniña, mira, vai a casa, que están a cocer, e que me faghan un bulisco!”
Na casa da moza, efectivamente, estaban a cocer pan. En canto chegou, relatoulle á familia o seu encontro coa vella. Os pais deron o seu consentimento, e a rapaza volveu onda a muller cun bulisco quente.
A vella continuaba no mesmo lugar, e sen agardar máis comeu o pan que a rapaza lle deu. Cando a moza xa marchaba, a muller arrancou un terrón do chan e díxolle:
- “Toma, lévao! Que o metan dentro dunha arca. E hasta o ano que non o abran, que xa vos pagho todo.”
A rapaza volveu para casa e contou aos pais todo canto lle acontecera. Acordaron pechar o terrón nunha ucha, e tal como acordaron así fixeron.
Medio ano máis tarde, algunhas das mulleres da casa comezaran a perder a paciencia, comestas pola curiosidade:
- “(…) Vamos a mirar, vamos a ver que hai!”
Outras non estaban dacordo:
- “Non abrimos, que aínda non hai o ano!”
Mais tanto porfiaron e porfiaron, que ao final abriron a arca, e encontráronse con media ucha cheíña de ouro. Pouco durou, sen embargo, a visión do tesouro, pois por teren levantado a tapa antes de tempo “empezou a consumirse (…), desfíxose todo (…)”. Así foi como a fortuna se lles foi por entre os dedos das mans por culpa da curiosidade.
“…e chámanlle a Pedra da Moura. Iso si que é verdá…!”

RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Afonso. A memoria da pedra. Lendas do monte Galiñeiro. En: Clube Espeleolóxico Maúxo. As covas de Vincios. Comunidade de Montes Veniñais en Man Común de Vincios. Vigo: 2005. p. 154-155

Acerca de cartografías sensibles

Cartografías Sensibles é un proxecto que aposta pola defensa e a posta en valor do patrimonio da parroquia de Vincios e da Serra do Galiñeiro.

Trátase dunha achega virtual a unha realidade territorial rica e complexa a través de mapas que nos fan descubrir historias, topónimos, muíños, covas, penedos, xacementos arqueolóxicos, lendas, músicas e tantos outros elementos que configuran a identidade deste lugar.

A Comunidade de Montes de Vincios leva anos promovendo a multifuncionalidade dun espazo vivo, con infinidade de posibilidades tanto productivas como ambientais ou de lecer. Unha contorna especial na que conviven os usos dos recursos naturais coa paixón pola natureza en todas as súas formas e actividades, así como coa conservación das tradicións, dos valores naturais e do patrimonio cultural.

Axenda de Eventos

No hay eventos programados.

View Calendar

Contacta con nós

O teu nome (requerido)

O teu email (requerido)

Asunto

Mensaxe

Acepto a Política de Privacidade